A rapazada protagonizará a oitava edición da pasarela de moda Amodiña

Publicidad

Potenciar o sector do comercio local e amosar a súa fortaleza e beneficio para a veciñanza fronte as multinacionais do comercio electrónico. Este é un dos maiores retos cos que o sector comercial do Morrazo encara a oitava edición de Amodiña, que este ano se celebrará o 11 de maio.

Esta pasarela de moda única na provincia, que amosa un potente músculo ao congregar cada ano a unhas 3.000 persoas, volve ao Paseo Marítimo de Moaña para amosar as tendencias e apostas do sector comercial do Morrazo. “Un dos eventos máis importantes do concello que, ademais, nos sitúa nun mapa diferente”, asegurou esta tarde a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos.

O desfile conta coa participación de 35 negocios, que van dende a moda á perruquería, pasando polas ópticas ou incluso a repostería, para, ante todo, referendar que o sector comercial unido é quen de superar os retos aos que se enfronta. O éxito está, en opinión da presidenta de Acimo, María Dolores Carabelos, en lograr a “implicación total das tendas e dos veciños”. Valoración que comparten dende a federación do Morrazo, na voz do seu xerente, Rodrigo Pastoriza. “Tras oito edición os comerciantes continúan participando, ano tras ano, e iso é por algo”, aseguran.

Desta vez, a cita contará con gran presenza dos máis pequenos, que tamén protagonizan o cartel e vídeo oficial gravado na Praia da Xunqueira. Esta será, sobre todo, a edición récord de participación infantil con até 50 nenos e nenas que serán escollidos nun casting aberto a todos os que desexen participar.

Pero o desfile, apuntan tanto dende Concello como dende o comercio, busca ser un “espectáculo ameno e dinámico”. Así, contará coa actuación da escola de danza urbana de Boombox e o concerto do grupo local “The Broke”, banda con influencias do funk, punk e incluso hard-rock que promete levantar aos asistentes.

Esta gran festa do comercio local conta co apoio decidido do goberno municipal, segundo explicou a concelleira de Promoción Económica, Coral Ríos, ao ser “necesaria unha colaboración estreita para facer fronte a unha situación que cada vez está máis revirada” e lograr así “ fixar a clientela no comercio de proximidade dentro dun modelo de Centro Comercial Aberto”. Ser, en definitiva, “un escaparte de todo o que pode ofrecer o comercio de proximidade”, nas verbas da rexedora local, Leticia Santos.

A cita, organizada pola Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, en colaboración co Concello de Moaña, Xunta de Galicia e Abanca, estará presentada polo cómico e presentador Duarte Galbán e conta co traballo da axencia de modelos New Models e de GF Studio, esta última a cargo da imaxe e traballo creativo.

Salir de la versión móvil