A Sala Ártika presenta a súa programación de outono, que traerá 41 representacións a Vigo

SALA ARTIKA

Publicidad

Presentada a nova tempada da Sala Ártika. Vinte e cinco compañías pasarán pola sala situada na rúa Beiramar en Vigo e que traerán á cidade 41 representacións de teatro familiar, espectáculos para público adulto e danza. Unha programación que, en palabras da propia Fernanda Barrio, directora da Sala Ártika, busca “achegar ao público galego unha programación variada do gusto de todos e todas” .

Deste xeito, esta tempada teatral comeza co XXI circuíto de creación escénica contemporánea organizado pola Rede de Teatros Alternativos. Un circuíto ideado co obxectivo de facilitar a xira de compañías polas salas alternativas asociadas, sendo a Sala Ártika o único espazo en Galicia que acolle este tipo de propostas escénicas.

O propio director do AGADIC, Jacobo Sutil, destacou que a Sala Ártika “conta un ano máis cunha das mellores programacións teatrais ao programar espectáculos de compañías galegas consolidadas e outros moitos de compañías do panorama nacional”. Destacou a presenza das compañías Chévere e a A Panadaría que estarán presentes no IV Festival Comediártiko.

Dito festival encherá á cidade de gargalladas do 07 de outubro ao 19 de novembro grazas aos espectáculos “Como ser superwoman y no morir en el intento” de Impulso teatro, “Curva España” de Chévere, “Inestable” de Sutottos, “Tres cosas” de Sala Cero Teatro, “La biblioteca imaginaria” da compañía Arbolé e co musical familiar “Hechizados” da Compañía Off. Completa o cartaz A Panadaría que volven coa súa última produción “As que limpan”, despois de colgar o cartaz de entradas esgotadas nas seis funcións que fixeron na Sala Ártika na edición anterior.

O concelleiro vigués Gorka Gómez tamén tivo unhas palabras co espazo na súa primeira comparecencia pública dentro da Concellería de Cultura, resaltando a labor que durante estes nove anos a Sala Ártika tivo coa cultura viguesa e facendo un chamamento á obriga que teñen as administracións públicas de facer difusión da cultura en directo e de facilitar o acceso á mesma coa fin de democratizar o seu acceso.

Os máis pequenos e pequenas da casa seguen tendo un espazo destacado na programación do segundo semestre do ano. O IX Festival Pequeártiko de Nadal que terá lugar do 22 ao 31 de Decembro e que conta cada vez cunha mellor acollida, tanto entre as compañías que presentan os seus espectáculos para participar nel como entre o público asistente.

Como novidade, este ano a sala Ártika presenta una programación estendida con tres espectáculos que terán cita no ambigú: “Anacos” de Ítaca Teatro, “Narracións imprevistas. Literatura repentina” de Jorge de Arcos e Santi Prego e “Marcho que teño que marchar “ de Bea Campos.

Completan a programación os espectáculos de danza “Un momento oportuno” de Provisional Danza e “O raro é que bailar sexa raro” de Vacaburra.

Á venta de entradas xa está dispoñible a través da páxina web da Sala Ártika. 

Programación de outono da Sala Ártika 

Salir de la versión móvil