A Sala Rebullón reúne aos históricos do rock bravú que popularizou o Xabarín Club

Publicidad

O rock bravú vai resoar ben forte esta fin de semana en Mos. A Sala Rebullón recupera este sábado o mítico Rebumbio Fest, desta vez a cuberto, para celebrar o 25 aniversario do “Manifesto de Viana”, a declaración de intencións que os emerxentes grupos do rock galego feito principalmente nas aldeas asinaron ao abeiro do Castañazo Rock de Chantada de 1994. Daquela, os grupos que bautizaron o Rock Bravú fixeronse especialmente populares entre a mocidade grazas a, entre outros, programas como o Xabarín Club, nado tamén no 94 e que daba espazo a estas bandas na Televisión de Galicia.

A cita, que busca ser o “estourazo para o seu rexurdimento” arrancará a partir das 21:30 horas e, a cambio dunha entrada de oito euros, os asistentes poderán atoparse con algunhas daquelas bandas que inauguraron a etapa dourada do bravú. Estará un dos seus máximos expoñentes, “O Caimán do Rio Tea” chegado directamente dende Ponteareas tras volver subir aos escenarios. Fundada en 1991, a banda é a creadora do himno de toda unha xeración, “Estou na lavadora” co que a rapazada galega brincaba namentres comía o bocadillo de nocilla.

Xunto aos do Condado estarán Os Rastreros, outros dos históricos do rock bravú e que chegarán directamente desde Chantada. Trallazos como “Tractorada” e o “Sacristán de Basán” farán tolear a todo o Rebullón. Por último, Os Podridos de Beade, con 26 anos de historia e recitais épicos e históricos coma o que ofreceron no Rebumbio de 2010, serán os encargados de pechar os concertos dunha noite que será “a regho cheo”.

Para rematar, o festival finalizará cunha sesión MP3 de Pelu Selektor con todas as cancións que marcaron a unha xeración e que 25 anos despois segue a reivindicar a música en galego.

Salir de la versión móvil