A Concellería de Turismo do Concello de Redondela que xestiona María Castro e dentro das iniciativas que realiza de cara a posta en valor do Meirande, dotará a esta instalación museística dunha ferramenta dixital que permita, por unha banda, establecer unha contorna virtual para a descrición da Batalla de Rande e, por outra, a virtualizar o propio Meirande.
De cara a darlle forma á recreación virtual, durante a mañá de onte desenvolvéronse os traballos de gravación nas distintas salas do Meirande que, posteriormente e acompañados dun guía virtual, as e os visitantes poderán percorren con detalle e con entornos de 360 graos.
Tal e como explica a alcaldesa redondelá, Digna Rivas, o proxecto “leva o Museo físico a un entorno de navegación dinámica onde as persoas visitantes gozarán dunha experiencia cultural na que coñecerán a fondo o Meirande”.
Para acadar un maior impacto utilizaranse varias ferramentas de divulgación como a antedita visita guiada, o acceso a persoas con discapacidade a través da incorporación de audios descritivos das salas e elementos musealizados; teatralización y animación en espazos específicos a través de actores caracterizados de personaxes da época que describirán a vida a bordo das naves e narración técnica especializada coa inclusión de vídeos de expertos realizados por historiadores ou profesionais destacados.
No que á Batalla de Rande fai referencia, o proxecto de realidade aumentada permitirá que as persoas visitantes poidan acceder a unha recreación do combate naval tal e como aconteceu e inclúense códigos QR en distintos puntos da enseada para poder recrear a batalla dende esa perspectiva o que permite ás e aos visitantes coñecer a disposición dos barcos, os movementos de defensa ou os puntos de desembarco en terra.
Digna Rivas lembra que o turismo cultural “atrae cada día a maior número de persoas e Redondela posúe un enorme potencial nese eido que é preciso poñer en valor. Nese contexto o Meirande, “un dos grandes descoñecidos, estase a confirmar como un elemento de atracción turística de primeiro nivel, como así o indica o crecemento continuado de visitantes”.
Cómpre destacar que o Meirande forma parte, dende hai uns meses, da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) á que, ata o de agora, non pertencía, unha adhesión que, afirma a rexedora redondelá “non só pon ao Meirande no mapa dos museos costeiros de Galicia, norte de Portugal e Asturias, senón que é un extraordinario elemento de dinamización do patrimonio ligado ao mar”.