Despois dos cambios e cancelacións do 2020, este curso regresarán con forza as actividades de divulgación científica e ciencia cidadá á Universidade de Vigo. O pasado luns, Belén Rubio, vicerreitora de Investigación e Móniva Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, presentaron o programa "Ciencia de ida e volta", o plan anual de actividades para o curso 2021-2022 da Unidade de Cultura Científica, que porán en valor e difundirán as investigación que se realizan desde a Universidade de Vigo e que serán unaha canle de comunicación accesible e activa.
As actividades levaranse a cabo entre decembro de 2021 e xuño de 2022 no tres campus da Universidade de Vigo. A finalidade é “chegar a todo tipo de público, tanto escolares como mozos e mozas e persoas maiores, pero tamén á nosa propia comunidade universitaria”, explicou Belén Rubio. Entre outras propostas, haberá accións formativas para mellorar as capacidades de comunicación e divulgación dos proxectos que se desenvolven nos grupos de investigación.
Programación de "Ciencia de ida e volta"
A actividade máis inminente dentro do programa é o curso de formación para persoal investigador que terá lugar esta semana, o xoves 2 e o venres 3 no campus de Vigo. O taller achegará ás persoas participantes coñecementos sobre a organización de actividades de divulgación científica, comunicación da ciencia en redes sociais, divulgación a través de charlas e amosarase tamén a experiencia de persoal da Universidade Vigo nestes ámbitos.
Unha das propostas deste plan é a exposición itinerante "100 lunas cuadradas". Tras o seu paso polo edificio Redeiras, a mostra trasládase á Biblioteca do campus de Ourense, onde se poderá visitar ata o 14 de febreiro. Trátase dunha compilación de fotografías feitas no Observatorio do Teide do Instituto de Astrofísica de Canarias e rende homenaxe á fotografía por permitir multiplicar os datos obtidos cos telescopios. Posteriormente trasladarase ao campus de Pontevedra e finalmente retornará a Vigo.
Outra iniciativa é a posta en marcha dun concurso de vídeos científicos destinado á comunidade investigadora da UVigo, para dar a coñecer o seu traballo ou algún contido científico nun máximo de dous minutos e dunha forma divulgativa e entretida en formato youtuber. Como actividade previa realizarase unha formación na que se achegarán as claves para o vídeo divulgativo perfecto. Os vídeos subiranse á canle de YouTube da Unidade de Cultura Científica e entregarase un premio do xurado e outro do público.
No mes de febreiro, do día 1 ao 15, despregarase un amplo abano de actividades co gallo do 11F, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, en colaboración coa Unidade de Igualdade. Entre as propostas haberá charlas en centros escolares o día 11, os obradoiros para estudantes de secundaria de "ElasFanCienTec" ou unha proposta innovadora dirixida ao público adulto que consistirá nunha mesa redonda entre unha investigadora nova e unha xa consolidada “que debaterán sobre os problemas que tiveron ou seguen tendo por ser muller na súa profesión”, explica Mónica Valderrama.
En marzo celebrarase a feira científica "A ciencia que vén", que xirará arredor de catro grandes áreas temáticas: medio ambiente, saúde e benestar, patrimonio e tecnoloxía. Esta iniciativa está orientada ao alumnado de Primaria, de 5º e 6º, co obxetivo de espertar vocacións científicas nos nenos e nas nenas. Tamén na primavera arrancará a proposta de crear embaixadores e embaixadoras da ciencia e do coñecemento, unha actividade que se desenvolverá en colaboración co Programa de Maiores da Universidade. Serán as e os estudantes sénior os que se formarán e proporán actividades divulgativas destinadas ao público da súa idade.
Outras das propostas coincidirá coa celebración do Día Mundial da Saúde, o de 7 de abril, e o Día Mundial dos Océanos, o 8 de xuño. Trátase dunha serie de podcast relacionados con estas dúas temáticas, con entrevistas con persoal investigador. Finalmente, o programa complétase, no mes de maio, cos obradoiros de astronomía "Astrofamilias", que serán impartidos pola docente e investigadora Ana Ulla nun planetario e no que tanto nenas e nenos como adultos aprenderán a recoñecer as constelacións e a orientarse a través das estrelas.