A vangarda pictórica de Galicia e Portugal amósase no Museo do Mar

Publicidad

O Museo do Mar de Galicia, en Vigo, acollerá até o vindeiro 15 de outubro a mostra da XII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico. A exposición, conformada como unha visión do estado da arte, neste caso literalmente, e da creación pictórica na Eurorrexión galego-portuguesa, permite desfrutar de case unha trintena de obras inéditas de artistas galegos e portugueses.

A bienal, organizada polo Eixo Atlántico xunto coa Fundação dá Juventude (FJ) de Portugal e co apoio da Xunta de Galicia, é a única exposición itinerante entre dous países da Unión Europea e ten como principal obxectivo favorecer un espazo de promoción e intercambio de novos creadores e creadoras da Eurorrexión.

Un total de 28 traballos inéditos de creadores e creadoras galegos e portugueses, seleccionados entre máis de 120 traballos admitidos a concurso, conforman a mostra na que se poden desfrutar as obras de Fátima Teles (1º premio), Marco António Resende Macedo (mellor obra portuguesa) ou Xosé Lois Carreira López (mellor obra galega, na imaxe á marxe).

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou na inauguración da mostra que se trata de “un gran exemplo” do moito e bo que se está a facer no eido pictórico en dous territorios irmandados como son Galicia e Norte de Portugal.

Así mesmo, o titular de Cultura puxo de relevo o valor que “proxectos culturais como o que hoxe nos reúne” teñen para o crecemento e consolidación da cohesión territorial e a intensificación das relacións na Eurorrexión galego-portuguesa. Rodríguez rematou a súa intervención lembrando á artista viguesa Berta Álvarez Cáccamo, galardoada na primeira edición desta bienal e que finou o pasado mes maio. “Os artistas, os verdadeiros artistas, ‒explicou o conselleiro‒ perviven na súa obra. O seu legado non caduca, nunca esmorece.”

A portuguesa Fátima Teles, gañadora da Bienal

A obra Série 0, Descontruindo, de Fátima Teles foi a obra gañadora do primeiro premio da bienal de 2017-2018. Esta artista merecera xa unha mención especial na edición anterior do concurso. O segundo premio foi para os traballos Two Big Women, de Marco Macedo, na categoría de autor portugués, e, na de autor galego, América, de Xosé Luís Carreira López. O premio de novos talentos recaeu en Fragmentos de Memória, de Fábio Araújo.

Salir de la versión móvil