A viguesa High Paw, entre as seis novas confirmacións para o Revenidas 2018

Publicidad

O festival Revenidas que celebrará a súa 15º edición do 17 ao 19 de agosto, suma seis novas bandas ao seu cartel, que acompañarán ás xa anunciadas Zoo, Steve 'n' Seagulls e Banda Xangai. Deste xeito, incorpóranse á cita a diversión a raudais do "High Speed Polka Ska Groove" de Russkaja, os ritmos xamaicanos da novísima High Paw, a rumba, cumbia e fusión do catalán Joan Garriga, a banda galega de grupo galego de street punk/Oi! Keltoi, o hip hop contundente de Ayax y Prok e a festa e alegría do reggae de Auxili.

High Paw é unha novísima e prometedora viguesa que comezou a súa andaina musical aos 15 anos como letrista e vocalista de distintas bandas. Na actualidade, e tras a súa inmersión definitiva na música xamaicana, é coñecida por colaborar co veterano Nahno Selektah e polas súas actuacións en festivais coma o Dancehall Xplosion Moaña, Sound System Nights ou Ska All Night.

Russkaja é unha dás bandas máis divertidas do panorama musical actual. Os seus temas teñen unha poderosa forza que non entende de países, linguas ou culturas, e a súa música defínese como High Speed Polka Ska Groove con virtuosas e sucias guitarras.

Joan Garriga é un músico catalàn que toca o acordeón diatónico e canta rumba, cumbia e fusión. Ao longo da súa carreira ten colaborado con outros músicos como Manu Chao, Amparanoia, Peret ou Muchachito Bombo Inferno e participado en varios proxectos como Radio Bemba, Xerramequ Tiquis Miquis, Atomik Pardalets ou Ensalada rusa So Insistent.

Keltoi! (Celtas) é grupo galego de street punk/Oi! formado en Vigo en 1995. Seguidores de bandas como Cockney Rejects, Stiff Little Fingers, ou The Clash, Keltoi! nunca agocharon o seu orgullo de pertencer á clase traballadora galega nin o seu compromiso antifascista. Partindo da autoxestión e coa diversión e o compromiso por bandeira fan seu en cada concerto o vello lema dos Skacha... "Sempre ceibes"!

Ayax y Prok son o grupo do momento, abanderados do hip hop máis contundente, sobre ritmos cun exquisito sabor clásico. A súa lingua viperina, sen pelo algún e a súa desenvoltura colocáronos na cima do hip hop granadino, que xa empeza a ter repercusión a nivel estatal. O seu rap é xenuíno, provocador, auténtico, transgresor e logra transmitir o perigo real co que convive a xente dos suburbios, os que de verdade veñen desde abaixo, xurdidos das cloacas pero non están dispostos a tragar as súas frustracións.

Auxili é unha banda composta por nove músicos valencianos de formación musical diversa e cun marcado estilo reggae. O seu directo ofrece doses de loita, festa, alegría e desmadre e a súa conexión co público e posta en escena convertéronse nas mellores ferramentas para consolidar o proxecto entre a crítica e entre os seus seguidores. Chegarán ao Revenidas para presentarnos o seu último traballo, máis personal íntimo, positivo, versátil e con cancións nas que atopamos letras baseadas en diferentes momentos, estados de ánimo e o día a día.

Nos próximos meses, a organización dará a coñecer ao resto de bandas que formarán parte da súa proposta final, no que se augura que será un irrepetible Festival das Linguas para despedir o verán por todo o alto.

Entradas e actividades

A organización do festival está actualmente artellando unha programación cun potente contido cultural galego que abrangue diversas disciplinas, e sempre vencellado ás tradicións. Ademais, o "Festival das Linguas" aposta por unha combinación de espazos de balde para o lecer de familias e de todos os públicos, cunha programación musical que incluirá máis importantes bandas internacionais, estatais e galegas, e que se desvelará durante os próximos meses.

O modelo de combinar actividades de balde para público familar con concertos de pago seguirá sendo a base desta festa galega, que continúará na súa liña de explorar novos espazos con actividades vencelladas á vila e ao entorno no que se celebra. Os interesados e interesadas en asistir ao Revenidas 2018 poden mercar xa os seus abonos de tres días -con acampada incluída- por un prezo de 28 € a través da páxina web oficial do festival.

Salir de la versión móvil