O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, presentaron este xoves a "Redecinema", unha proposta de cine en galego ao aire libre coa que a Xunta de Galicia amplía a oferta de ocio para este verán dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2023.
No acto, no que estiveron acompañados de Begoña Salgueiro, representante de Supernova, empresa encargada das proxeccións, o titular de Política Lingüística sinalou que é importante “achegarlle o cine en galego á xente e dunha maneira especial á xente nova, que se move moito máis no ámbito da cultura audiovisual; e tamén é importante que as propostas de ocio en galego estean na rúa, onde se vexan ben e onde todo o mundo poida gozar delas”.
Pola súa parte, o director de Industrias Culturais celebrou a oportunidade que esta programación supón para a difusión entre un público amplo do cinema producido en Galicia nun momento no que está a acadar a súa maior actividade, así como o valor da experiencia de gozalo en pantalla grande e dun xeito descentralizado xeograficamente.
Concellos e películas
"Redecinema" é un ciclo de proxeccións de filmes en galego en formato cinema de verán (ao exterior e con gran pantalla) que viaxará por 18 concellos membros da Rede de Dinamización Lingüística durante os meses de estío. Para chegar a todos os públicos, a compañía ofrece a cada concello a oportunidade de elixir entre os títulos do seu catálogo. Éste componse de películas como "Cuñados", unha comedia sobre as peripecias delitivas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado para salvar o que máis queren, a familia. Tamén está dispoñible "Melancolía", un filme que mestura terror e tradición cultural galega a través da aventura dunha parella que regresa de Berlín a unha aldea abandonada en Ourense, ou "A Galiña Turuleca" é un filme de animación dirixido por Eduardo Gondell e Victor Monigote.
Outro dos filmes que forman parte do catálogo é "A illa das mentiras", unha película que conta a historia dun xornalista arxentino que descubre as incógnitas sobre o acontecido no afundimento do Santa Isabel o 2 de xaneiro de 1921; "Engurras" é unha longametraxe de animación galega que conta a historia de dous anciáns que se fan amigos nun xeriátrico; "Eroski-paraíso" está baseado na obra homónima da compañía de teatro Chévere, conta distintas historias reais ocorridas na sala de festas "Paraíso", que funcionou en Muros ata 1990 e que logo foi convertida nun supermercado.
"Jacinto" é un filme ambientado en Galicia no que se mesturan o "terror rural" e o sentido do humor. O último filme que forma parte deste catálogo é "O que arde", o filme galego gañador de dous Goyas que conta a historia dun home que volve a súa casa despois de cumprir condea por provocar un incendio.
O primeiro pase será este sábado 15 na praza do Concello de Negreira, onde as persoas interesadas poderán achegarse ás 22:30 horas para gozar do filme de animación infantil e familiar "A galiña Turuleca". Despois seguirá por Forcarei, Outeiro de Rei, Allariz, Laxe, A Laracha, Ares, Xove, Sober, Lobios, Viana do Bolo, Maside, Barro, Silleda, O Rosal, Beariz e Mondoñedo.
Máis de 2.500 actividades culturais
Con esta nova proposta, o FalaRedes suma xa 73 accións de ocio en galego para repartir entre os concellos da rede durante os próximos meses. A XII edición deste programa de dinamización lingüística forma parte de CulturON, a iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que suma máis de 2.500 actividades culturais previstas para este verán en colaboración con distintos concellos e entidades.
Calendario de películas
- 15/07/2023. Negreira. Praza do Concello. A Galiña Turuleca, ás 22:30 horas
- 23/07/2023. Viana do Bolo. O que arde. Praza Maior do Concello, ás 22:00 horas
- 24/07/2023. Laxe. O que arde. Praza dos Voluntarios, ás 22:30 horas
- 30/07/2023. Mondoñedo. A Galiña Turuleca. Praza da Catedral, ás 22:00 horas
- 05/08/2023. Forcarei. Eroski Paraíso. Explanada do Auditorio, ás 22:00 horas
- 6/08/2023. Lobios. Valentina. Praza Roxa, ás 22:00 horas
- 8/08/2023. A Laracha. Cuñados. Campo da Festa de Caión, ás 22:00 horas
- 9/08/2023. Sober. O que arde. Praza do Concello, ás 22:00 horas
- 10/08/2023. Ares. Cuñados. Praza da Constitución, ás 22:00 horas
- 12/08/2023. Barro. O que arde. Pazo da Crega, ás 22:00 horas
- 13/08/2023. Maside. Maimiño ás 22:00 horas
- 16/08/2023. Xove. O que arde. Praza do Centro Cívico, ás 22:00 horas
- 17/08/2023. Allariz. Valentina. Piscinas Municipais, ás 22:00 horas
- 24/08/2023. O Rosal. Cuñados. Praza das Novas, ás 22:00 horas
- 26/08/2023. Viana do Bolo. O que arde. Praza Maior do Concello, ás 22:00 horas
- 08/09/2023. Silleda. Valentina. Praza de San Juan Salgueiro, ás 22:00 horas
- 22/09/2023. Outeiro de Rei. A Galiña Turuleca. Praza da Vila, ás 22:00 horas