O acoso escolar é o tema que aborda a proposta teatral que este sábado, 11 de novembro, ás 19h, chega ao Teatro Municipal de Tui da man de Redrum baixo o título de “A nena que quería navegar”.
Neste espectáculo cóntase a historia dunha rapaza, que farta de insultos, empurróns e illamento social, foxe da escola para non volver nunca máis. Na súa aventura atopará ao Xeadeiro, un personaxe máxico e vital que lle devolverá a autoestima perdida a base de contos, adiviñanzas, xogos e cancións, que lle ensina que dentro de cada un de nós se agocha un ser único e especial e que só crendo nas nosas capacidades seremos quen de conseguir todo o que nos propoñamos. Na obra trabállase coa idea do reforzo positivo coma unha das claves para previr o acoso escolar.
Laura Míguez, Guillermo Carbajo e Carlos Álvarez-Ossorio conforman o elenco dirixido por Álex Sampayo nunha obra está recomendada para público familiar dende os 4 anos.
As entradas están á venda ao prezo de 4€ e 3€ en www.culturatui.info até o sábado ás 12h, ou o sábado dende ás 17.30h no despacho de billetes.
Ficha:
- Lugar: Teatro Municipal de Tui
- Data: Sábado, 11 de novembro, ás 19h
- Entradas: á venda ao prezo de 4€ e 3€ en www.culturatui.info até o sábado ás 12h, ou o sábado dende ás 17.30h no despacho de billetes.