“Dar visibilidade á diversidade e igualar a todos sobre o escenario”, ese é o obxectivo do espectáculo que este sábado chega ás 19:00 horas ao Teatro Municipal de Tui. Trátase de “Aire”, obra do grupo mosense María Fumaça, que nace como extensión do disco que leva o mesmo nome. Un proxecto musical de “celebración da vida”.
O proxecto naceu co gallo de visibilizar a diversidade das persoas en cadeira de rodas, con autismo ou con Síndrome de Down e demostrar que “tamén poden actuar e teñen cabida na nosa sociedade”, en palabras de Manuel Sío, un dos seus integrantes e pai de Rui, o neno polo que se deron os primeiros pasos do proxecto.
O que comezou como un proxecto persoal pronto adquiriu personalidade propia na música e agora da o salto até os teatros para converterse nunha “obra transformadora” que fai da experiencia unha “terapia en si mesma”, salienta Sío.
https://www.youtube.com/watch?v=lSPJaobvvho
Por que “Aire”? Dende Marí Fumaça desvelen que este foi o título escollido xa que o aire igualarnos a todos, “todos o precisamos, non hai distinción”, destacan.
Dirixido por Uxía Senlle conta con Pablo Pastor na escenografía e Isaac Palacín no son.
Sobre o escenario para interpretar as cancións deste novo traballo estarán Uxía, voz; Magín Blanco, guitarra e voz; Sergio Tannus, cavaquiño e voz; Santiago Cribeiro, acordeón; Antonio Castillo, contrabaixo; Raquel Domínguez, gaita; Pablo Ces, bombo; Oli Xiráldez, requinta e Ana Domínguez, Chus Domínguez, Andrés Giráldez, Tatán e Blanque, voces.
Durante 70 minutos a locomotora musical de María Fumaça presentará así este seu novo espectáculo con novas latitudes musicais, acompañadas pola ilusión de sempre e cheos de entusiasmo.
Entradas
As entradas están á venda aos prezos de 5€ e 4€ en www.culturatui.info ata o sábado ás 12h ou o sábado dende ás 17.30h no despacho de billetes.