Alba María, Lupe Blanco e as "Regueifas en feminino" chegan este fin de semana ao Rosal

Publicidad

Cantos de improviso cargados de mensaxes, dende o punto de vista de dúas mulleres que se suben ao escenario cunha nova mensaxe cargada de empoderamento e igualdade pero sen esquecer o toque de ironía. Así será a "Regueifa en feminino", un concerto de Alba María e Lupe Blanco que terá lugar no Auditorio Municipal do Rosal este sábado 26 de marzo.

Neste espectáculo musical, organizado pola Asociación Cultural Xida en colaboración co Concello do Rosal, as regueifeiras Alba María e Lupe Blanco convencerán ao público coa súa disputa dialéctica improvisada do século XXI, inclusiva e con moitas das que foron silenciadas como protagonistas.

Trátase dunha actuación organizada ao abeiro do programa "Fiando redes" da Deputación de Pontevedra, co que se busca fomentar o asociacionismo feminino e o empoderamento das mulleres, favorecendo así a súa socialización con outras da súa contorna, e dar pulo á creación de redes e ao intercambio de experiencias e sinerxías onte estas manifestan as súas inquedanzas e preocupacións.

Alba María e Lupe Blanco son dous nomes fundamentais para entender o panorama actual da improvisación oral en Galicia, cun importante percorrido ás súas costas e unha implicación total coa arte das regueifas. As regueifeiras estarán este sábado 26 de marzo a partir das 20:00 horas no Auditorio Municipal do Rosal nunha actuación de balde con entrada libre ata completar aforo.

Salir de la versión móvil