América e Galicia abrázanse en Baiona co espectáculo musical Son Galego, Son Cubano de Roi Casal

Publicidad

A praza do Concello de Baiona acollerá o vindeiro xoves 17 de maio, Día das Letras Galegas, o espectáculo musical Son Galego, Son Cubano, de Roi Casal. O evento, que arrancará ás 20:00 horas e se engloba nas celebracións do 525 aniversario da Arribada da Carabela Pinta, aposta pola música como ponte de unión entre Galicia e América.

Nunha abraiante fusión cultural entre a música de Cuba e a poesía galega, o espectáculo, componse dunha selección dos trece temas nos que se recollen os poemas do ilustre escritor galego Neira Vilas musicados por Casal.

A aventura que deu neste proxecto comezou xa no 2014, cando despois de ser premiado na Habana, o compositor “camiñou, conversou, observou e quedou namorado da capital” cubana. Dende ese intre púxose a traballar até que a produción discográfica tomou forma e foi publicada no verán do ano 2016, chegando a máis de 50.000 persoas nunha xira que arrancou no Gran Teatro da Habana.

A relación Cuba e Galicia que se celebra agora nas vilas do país foi especialmente estreita dende a metade do século XIX e até 1930. Non en van, a actual Real Academia Galega ten a súa orixe na Habana coa creación da Sociedade Protectora da Academia Galega, por iniciativa de Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal. Unha irmandade dos pobos aos dous lados do Atlántico que agora Casal impulsa entrado o século XXI.

Agora, Baiona celebra esa fusión con un concerto para o que “non habería mellor lugar que a Real Vila”, apuntan dende o Concello. Precisamente, os temas que forman parte do espectáculo recollen parte da epopea dos galegos na illa, un dos principais destinos da emigración.

Salir de la versión móvil