A cuarta edición do Festival Intercéltico O Son do Pazo terá lugar os días 31 de agosto e 1 de setembro no municipio pontevedrés de Mos, cun cartel que conta con actuacións coma as de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Leilía, o grupo irlandés Backwest e a banda de gaitas Airiños do Castelo, así como cos concertos de H2folk e Andoa. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, aproveitou a presentación do festival para destacar o papel local na dinamización da cultura en Galicia.
Para Anxo Lorenzo, o papel de entidades como o Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, organizador do evento, e do concello de Mos, que apoia o festival, son un exemplo do labor fundamental desempeñado polas organizacións e administracións locais de Galicia para favorecer unha programación cultural de calidade, multidisciplinar e dirixida a todos os públicos, o que permite avanzar na dinamización e no desenvolvemento da cultura galega, en estreita colaboración e coordinación coa Xunta de Galicia.
No acto de presentación do festival participaron tamén a presidenta do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, Juana María Moreno, e a alcaldesa da localidade, Nidia Arévalo.
A Secretaría Xeral de Cultura colabora coa celebración deste festival intercéltico que chega á súa cuarta edición convertido en referencia do calendario de festivais do verán galego, grazas á calidade artística dos músicos que participan, así como á procura de conexións con outras culturas, como se constata este ano coa presenza do grupo irlandés Backwest.
Concertos e programación paralela
A banda de gaitas Airiños do Castelo, anfitrioa do festival, abrirá os concertos o día 31 de agosto, a partir das 22:30 horas, seguida de Leilía. H2folk pechará a oferta musical da xornada de inauguración. Para o sábado 1 de setembro quedan as actuacións de Backwest, preludio do concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. A noite pecharase coa banda folk Andoa.
O festival complétase cun amplo programa de actividades paralelas que se levan a cabo durante o día, como a mostra de instrumentos e traxe tradicional, a entrega dos Premios Mestre Machiño, que recoñecen o labor dunha persoa ou entidade que traballase arreo a prol do folclore galego e que lembra a figura de Alejandro González López, Machiño, mestre de baile galego da agrupación organizadora do festival. Un obradoiro de baile galego, actividades de animación infantil e unha sesión vermú a cargo do grupo A Vacaloura Vermella, vello coñecido do festival, enriquecen a proposta da cuarta edición do festival O Son do Pazo.
O festival celébrase nas inmediacións do Pazo de Mos, organizado polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, co patrocinio do Concello e a colaboración da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia.