Esta fin de semana celebrase na parroquia de Combarro (Poio), un dos festivais máis característicos e singulares do panorama musical galego, o Armadiña Rock 2019, onde a música será o punto transversal de todas as actividades que haberá.
Dende o xoves ata o domingo non deixará da soar a música en ningún punto de Combarro porque os diferentes escenarios estarán repartidos pola toda a parroquia. Na Praza da Chousa serán os principais concertos, que estará secundada polo escenario da Praza da Rualeira e Praza de San Roque. O Recinto histórico de Combarro e o Peirao da Rúa tampouco quedaranse atrás.
A súa XI ven cargada de grandes novidades, entre elas destaca que por primeira vez haberá pregoeiro do festival e unha “Zona Lounge” onde o sábado poderase desfrutar da boa música coa axuda dunha DJ situada na Praza da Rualeira. ´
O xoves 22 de agosto, o cantautor compostelán, Xosé Constenla, será o encargado de dar o comezo do evento dando o pregón ás 20:00 horas na Praciña da Ruacega. Para despois dar un concerto en acústico a partir das 20:15 horas no mesmo lugar. Este recital despedirá o seu disco “Virada por Avante” do mesmo xeito que naceu, coa guitarra e voz de Xosé, unha actuación que ademais será gravada en vídeo.
O primeiro día, o venres 23, da Armadiña podería considerarse coma “o día grande” pola presenza de Uxía Lambona e a Banda Molona, High Paw & EY, Herdeiros da Crus, NAO, Bastards on Parade, entre outros. A encargada de estrear a xornada será Uxía Lambona e a Banda Molona ás 18:30 horas na Praza de San Roque, onde todos os nenos e nenas poderán gozar do seu marabilloso espectáculo. Posteriormente será a quenda de Asacirco na Praza de Chousa ás 20:00 que serán os teloneiros dos grandes concertos do día nese mesmo lugar. Ás 21:30 horas asaltarán o escenario os vigueses High Paw & Elephants Yard coa súa música reggae. Posteriormente Heredeiros da Crus fará soar os seus grandes clásicos do rock galego en Combarro ás 22:40 horas. Os seguintes en subirse ao escenario serán NAO, grupo que anunciou a súa retirada dos escenarios tras a xira 2019. Para rematar, o punk-rock dos coruñeses, Bastards on Parade, ás 02:35 horas.
Se a programación do venres non chegou, o sábado estará cheo de música dende o mediodía ata ben entrada a madrugada. Dende Vigo acoden por primeira vez a Combarro co seu punkfolk, Falperrys, nunha sesión vermú na Praza da Rualeira ás 13:00 horas. DJ Beti de la Church amenizará a “Zona Lounge” ás 16:00 horas para que a festa non pare. Pola tarde celébranse dúas “sesións frescas” por parte de Sote e The Tetas’Van na Praza da Rualeira. O artista combarrés cantará ás 17:45 e os ourensáns ás 18:30. Como pasou no día anterior, Patty Diphusa será a encargada de quentar ao público para outra noite de concertos na Praza da Chousa, a súa actuación arrincará ás 19:30 horas.
Los Jinetes del Trópico abrirán os grandes concertos do sábado ás 20:30 horas e estarán seguidos por Familia Caamagno ás 21:40 horas, que farán parada en Combarro tras pasar por festivais coma O Son do Camiño ou Morrasound, Dubioza Kolektiv, unha das grandes atraccións desta edición, coa súa música folclórica dos Balcáns combinada con hip hop, reggae, dub e rock asaltarán o escenario na Chousa ás 00:50 horas. Posteriormente será a quenda dunha das bandas máis representativas do rap en galego, Dios ke te crew, ás 02:40 horas. Balkan Bomba serán os encargados de pechar a festa ás 03:45 horas.
Ukestra do Medio porá o ramo ao Armadiña Rock 2019 cunha sesión vermú na Praza da Rualeira ás 13:00 horas do domingo 25.
https://www.youtube.com/watch?v=jPWhF846veY
Dentro da programación do festival haberá coloquios, actividades para máis pequenos e pequenas da casa e pasarrúas. O primeiro coloquio terá lugar o sábado ás 17:30 na Praza da Rualeira co tema de “Música e revolución”. E o segundo e derradeiro terá lugar no Peirao da Rúa ás 17:30 horas e tratará dos “Festivais galegos creados por colectivos sen ánimo de lucro”.
As pasarrúas teñen unha notable presenza dentro do programa do Armadiña Rock. O venres polo Recinto histórico de Combarro ás 19:30 estarán as Pandeireteiras de Ronsel e Armadiña. Por outra banda, na mesma zona, o sábado estarán Pinguela Terra de Montes ás 12:00 do mediodía; e Brassica Rapa ás 17:30.
O sábado haberá obradoiros infantís na Escola do Campo ás 12:00 ata as 14:00; e actividades infantís na Acampada entre as 17:00 e 19:00.
O festival terá zona de acampada con servizo de duchas e aseos situada nas inmediacións da Reiboa (A Seca) a dez minutos andando dende o recinto de concertos. Terá unha capacidade de 1.500 tendas e estará aberta ata completar aforo. Poderase acampar dende o venres ata o domingo.
O prezo do Armadiña Rock, coma sempre, é gratuíto para todas as persoas que queiran asistir para gozar a boa música aproveitando a visita dun dos espazos máis bonitos do país.