Armadiña Rock, ¿o mellor festival de música gratuíto de Galicia?

Publicidad





Galicia é terra de festivais. Este tipo de eventos musicais multiplícanse no verán. En Metropolitano.gal xa falamos de moitos deles. SinSal, PortAmérica, Vive Nigrán, Morrasound. Moitos deles son de pago. Sen embargo, a comunidade galega tamén ofrece ós festivaleiros propostas gratuítas. Neste apartado destaca o Armadiña Rock, unha cita que comeza este venres 24 de agosto en Combarro e que reunirá en tres xornadas un excelente cartaz con potencias como La Pegatina, Amparanoia, Ses ou Terbutalina. Ademais, os asistentes teñen a súa disposición zona de acampada de balde e actividades dirixidas tamén para os máis pequenos. O debate está aberto. É o Armadiña Rock o mellor festival gratuíto de Galicia? O que non ten discusión é que é unha das citas máis destacadas da vindeira fin de semana. Estas son as nosas razóns.

1 - Un "menú" musical excepcional

O Armadiña Rock vai camiño da súa edición máis especial. O cartaz deste ano é unha auténtica marabilla. Ses, Amparanoia, La Pegatina, Terbutalina, Skandalo GZ ou Voodoo serán algúns dos nomes que os festivaleiros gozarán no festival de Combarro que quere festexar os seus 10 anos de música (e de vida) por todo o alto. Para que vaiades planificando, estes son os horarios e o resto de bandas que compoñen a espectacular "carteleira" do evento pontevedrés.

2 - Camping gratuíto

A organización volve a habilitar unha zona de acampada na Reiboa, xusto nas inmediacións do núcleo do Armadiña Rock. Os interesados en pasar a fin de semana no recinto deben cubrir este pequeno formulario. O camping é gratuíto.




Por outra banda, unha das novedades desta edición é que o festival prohibe facer botellón no recinto do evento e manifesta o seu compromiso polo medio ambiente.

3 - Actividades para os pequenos

Os máis pequenos teñen o seu espazo no festival co "Armadiña Kids". Dende o xoves 23 de agosto, os nenos e nenas poden gozar de diferentes actividades na Praza de San Roque ou na Escola do Campo de Combarro. A primeira cita para a rapazada será mañá co espectáculo infantil polo correo do vento "Carola a carteira centola" (Praza de San Roque) ás 19:30 horas. O venres poderán gozar no mesmo lugar dun concerto de punk infantil ás 18:30 horas.

O sábado o Armadiña Kids trasládase á Escola do Campo de Combarro con obradoiros musicais infantís en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:00 horas.

4 - Un festival polas rúas de Combarro

A beleza de Combarro é outro dos reclamos do festival. A parroquia de Poio será unha festa durante a celebración do Armadiña Rock. Unha das actividades máis interesantes e o concurso de balcóns, patíns e solainas, un certame no que os veciños e veciñas do recinto histórico decoran os seus espazos engandindo un componente artístico a unha zona considerada como as máis bonitas de España.

Teatro de rúa, conferencias e pasarrúas a diferentes horas do día invadirán Combarro de música durante ata o vindeiro domingo 26 de agosto, xornada na que Voodoo pechará o festival coa súa sesión vermú ás 13:00 horas no "Espazo Directo Nordesía" que estará na Praza da Rualeira.

5 - Outras actividades

A música comezará a soar o venres, pero o Armadiña Rock 2018 será unha realidade dende este mesmo mércores. Ás 21:00 horas, o festival inaugura a exposición "10 edición de Armadiña Rock, músicas galegas ilustradas". A mostra poderase visitar durante todo o día ata o vindeiro domingo, xornada na que pecha o evento.

Ademais deste percorrido polos dez anos do festival de Combarro, o evento tamén contén na súa programación a proxección de curtametraxes (xoves 21:30 na Praza da Rualeira), un espectáculo de circo "As Sircopatas" (venres ás 20:00) ou o recital de clown a cargo de Pajarito (sábado ás 19:30). Os dous eventos serán na Praza da Chousa.

Salir de la versión móvil