A Biblioteca Pública Municipal de Tui abre a súa programación de actividades para este mes de outubro, arredor da celebración do "Día da Biblioteca", coa obra "A máquina do tempo" a cargo do grupo de teatro Ghazafelhos. O espectáculo de animación, dirixido aos máis cativos, terá lugar este martes 4 de outubro ás 17:30 horas con entrada de balde ata completar o aforo.
"A máquina do tempo" é unha peza de teatro que ilustra dun xeito ameno e pedagóxico a historia das civilizacións. Coa axuda dunha curiosa escenografía, Pepablo Patinho e Montse Piñón, farán un percorrido pola historia a través de dúas chamativas personaxes: A doutora Mon e o seu axudante Pe. Durante o espectáculo precisarán da axuda do público que viaxará xunto coa doutora e o seu axudante a distintas épocas da nosa historia. Teatro Ghazafelhos propón con esta peza teatral unha aventura educativa a partir do humor.
A concelleira de cultura, Sonsoles Vicente, anima ás familias a participar nesta actividade que "achega a historia das civilizacións de xeito atractivo para todos". Con esta proposta a Biblioteca tudense inicia unha nova xeira de actividades de animación á lectura que "pretende achegar de forma lúdica a lectura e a cultura a todos os segmentos sociais".
Esta actividade forma parte do programa "Ler conta moito" que promove a Consellería de Cultura, Educación, F.P. e Universidade da Xunta de Galicia para a dinamización da lectura nas bibliotecas públicas de Galicia e no que participa o Concello de Tui.
Programa mensual da Biblioteca
- Martes 4 de outubro | "A maquina do tempo" por Teatro Ghazafelhos | 17:30 horas | Biblioteca Municipal de Tui
- Venres 7 de outubro | Presentación do libro “El báculo de San Epitacio” do autor tudense Emilio Estévez | 20:00 horas | Biblioteca Municipal de Tui
- Martes 11 de outubro | "Os Nortis e os libros sen título" de "Juste Kamishibai papel e teatro" | 17:30 horas | Biblioteca Municipal de Tui
- Luns 17 de outubro | Inauguración da exposición "Castelao grafista (facsímile)" da Afundación | Sala de Exposicións Municipal
- Segunda quincena de outubro | Exposición fotográfica sobre a "Misión Atalanta" que desenvolven as Forzas Armadas españolas no océano Índico e charla informativa sobre a misión | Anexo da Sala Municipal de Exposicións
- Martes 18 de outubro | "Xogando coas palabras" co mago Javier Muro | 18:00 horas | Biblioteca Municipal de Tui
- Martes 22 de outubro | Comezo do Club de Lectura | Inscrición até o 15 de outubro a través do correo biblioteca@tui.gal ou persoalmente na biblioteca.