Arranca Culturmiño, un foro para crear novos eventos culturais no Miño transfronteirizo

Publicidad

A Deputación de Pontevedra arranca mañá o primeiro Foro da Cultura do Rio Miño Transfronteirizo, "Culturminho", que se prolongará ata este venres co obxectivo de reunir aos axentes culturais, asociacións, colectivos, concellos e entidades para crear novas iniciativas culturais transfronteirizas no territorio do Miño.

O obxectivo desta cita, organizada ao abeiro do programa Smart Minho financiado con fondos europeos do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’, é reflexionar sobre as potencialidades da cultura común como elemento de valor transfronteirizo, e desenvolver axendas e programacións culturais conxuntas seguindo a idea de consolidar o territorio do Rio Minho atraendo público moi diverso de ambas marxes, así como facer fincapé na nova situación social que condicionará o ocio e o consumo cultural tratando de visualizar alternativas.

Nesta ocasión, debido á pandemia da Covid-19, o Culturminho terá formato telemático e contará cada día pola tarde con mesas de debate e conferencias na que participarán persoas de colectivos e entidades que están a traballar en eventos xa recoñecidos polo público. Poderá seguirse na canle AECT Rio Minho de YouTube e tamén desde a web smartminho.eu, onde é preciso formalizar as inscricións (de maneira gratuíta).

A xornada abrirase mañá coa inauguración de autoridades, a presidenta da Deputación Carmela Silva e o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, para dar lugar despois á mesa de debate sobre ‘Artes e música no Rio Miño’. Neste grupo estará representada unha selección de entre as actividades culturais profesionais realizadas nos 26 concellos que integran a área transfronteiriza do Miño: o director do Festival de Cans, Alfonso Pato; o de Vilar de Mouros, con Joao Pinto, da Bienal de Arte de Cerveira, do Festival Folk Celta de Ponte da Barca ou de Entre Margens.

Ao día seguinte, o mércores 7, a charla versará sobre as experiencias de cooperación e cultura no Río Miño, con xestores e xestoras de ambas beiras como a Casa das Artes de Valdevez, o Simposio de escultura de Tomiño-Cerveira, o Folk Monçao, o IKFEM, ou Ponte nas Ondas.

O xoves tomarase como centro o teatro e baixo o epígrafe ‘Palabra e escena no Río Miño’ exporanse iniciativas profesionais como as do Museo do Cinama Melgaço, As comedias do Minho, o Play-Doc, ou o Festival de Poesía do Condado.

Finalmente, xa o venres cambiará o formato e en lugar dunha charla realizaranse dous relatorios, un sobre financiamento a cargo do asesor técnico do Ministerio de Cultura e Deportes na oficina Europa Creativa, Augusto Paramio, a quen se lle queren tamén trasladar as potencialidades do territorio do Miño. Por outra banda contarase coa participación de Miguel Ángel Cajigal, divulgador cultural coñecido como @elbarroquista con máis de 78.000 seguidores en Twitter.

Segundo apunta o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, unha vez se teñan analizadas as sinerxias do potencial cultural do territorio, celebrarase unha nova edición do Culturminho, prevista para o primeiro semestre de 2021 de maneira presencial. Nese novo foro traballarase no deseño de novas propostas culturais e eventos que desenvolver no territorio para as que se buscará, ademais, financiamento europeo.

Salir de la versión móvil