As andainas dende as parroquias de Ponteareas regresan á romaría da Picaraña

Imaxe da Romaría da Picaraña de 2019 // CONCELLO DE PONTEAREAS

Publicidad

A romaría da Picaraña volve esta fin de semana a Ponteareas recuperando tradicións que non se celebraban dende a pandemia: as andainas dende as parroquias. Estes roteiros serán unhas das actividades que se incluirán no programa de actividades dunha edición chea de opcións e diversión para todos os públicos nunha das celebracións da vila que conta cunha maior participación de veciños e veciñas de todas as idades.

O Concello organiza estas dúas xornadas de lecer en colaboración coas comunidades de montes de Ponteareas e Arcos; coas asociacións culturais de Arcos, Prado e da Casa Cultural de Bugarín; coa asociacións veciñais de Arcos e Canedo; con Os Caminhantes do Condado e con Ekohuerta.

O programa arrancará o domingo 30 de abril pola tarde cunha actividade de escalada en roca no rocódromo da Picaraña ás 17:30 h e cunha ruta ambiental a partir das 19:30 horas coa que afinar os sentidos e descubrir os segredos da Picaraña. O punto de encontro para esta andaina de dificultade media-alta será o Merendeiro das Chans. Xa ás 22:00 horas comezará o serán.

Seguindo a tradición, mozos e mozas poderán acampar durante a noite de forma totalmente gratuíta no recinto do albergue xuvenil da Picaraña, propiedade municipal. Para poder facelo será obrigatoria a inscrición na Biblioteca Municipal e a aceptación das normas de acampada.

A festa prolongarase durante toda a xornada do luns 1 de maio. O día comezará con andainas dende as casas culturais de Arcos e Prado ás 11.30 horas, dende o parque Luís Pardo de Canedo ás 11.00 h e dende a Tapería A Chan de Bugarín ás 11.30 horas.

Por outra banda, Os Caminhantes do Condado organizan unha nova ‘Subida á Picaraña’, que se poderá realizar correndo ou andando. A proba sairá ás 10.00 horas dende o Complexo Deportivo Álvaro Pino e terá un custo de 2 euros por persoa e será necesaria inscrición previa. As persoas interesadas en participar poden atopar máis información sobre a subida e o formulario de inscrición aquí.

Tras os roteiros as e os participantes poderán repoñer forzas no xantar popular, no que haberá polbeiro e postos de gastronomía. Durante a xornada tamén haberá animación musical e o público poderá mercar unha ampla gama de produtos no mercado agro-ecolóxico. Xa a partir das 16.30 horas haberá xogos tradicionais, populares e deportivos para todas as idades.

O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, anima a toda a veciñanza a gozar destes dous días de lecer nun espazo natural como o da Picaraña e a acudir vestido de romeiro ou romeira do século XIX e traer diferentes instrumentos musicais para facer da romaría unha festa única.

Salir de la versión móvil