Un ano máis, e van quince, Mos celebra as Xornadas Micolóxicas e Forstais coas que poñer en valor a riqueza dos montes e, en especial, da cultura micolóxica.
As xornadas, que inclúen unha semana de actividades dende este luns, 12 de novembro, terán o seu día grande o domingo, día 18. O Pazo de Mos acollerá a Gran Degustación de Cogomelos na que participarán seis restaurantes do municipio.
Todos os que se acheguen a esta particular cita gastronómica poderán probar as croquetas de setas con castañas e a empanada de trigo con setas e castañas da Adega da Tía Carmen, as setas salteadas con coello e castañas de O Cruceiro, as fajitas recheas de setas e polo e a tortilla de xamón e setas do Bar Restaurante Curuxeira, o revolto de setas con ortigas da Taberna Andaga, o quiche de setas con lacón, o consomé de níscalos con xamón e a tarta de cantharellus con cremoso de quesos de Catering Jorge Lorenzo e a pizza mar e monte con salmón afumado con variado de setas de Tapería A Cova da Santa. Ademais deste domingo, estas creacións poderánse probar ao longo do resto do mes de novembro nos propios restaurantes.
Cada un dos pratos terá un prezo de 2,5€, e de 3,5€ se se combina con auga ou viño.
A Gran Degustación do domingo estará complementada co III micomercado (mercado micolóxico). A xornada gastronómica prolongarase dende as 12.00 horas ata as 15.00 horas.
Ademais, de 11.00 horas a 14.00 horas e de 17.00 horas a 20.00 horas estará aberta ao público no Pazo de Mos unha exposición e consulta sobre cogomelos. Ás 12.00 horas haberá teatro infantil a cargo de Anxo Moure que representará Verbas do Monte (As Nosas Senlleiras) e ás 13.00 horas, actuará o grupo de pandereteiras Arume de Guizán.
Como cada ano nas Xornadas Micolóxicas de Mos, regresan as charlas e conferencias didácticas sobre micoloxía. Serán todas ás 20.30 horas no Pazo de Mos.
O luns 12 de novembro Xosé Antonio Araúxo Rodríguez, presidente da Comunidade de Montes de Couso, Gondomar, falará sobre as alternativas para a explotación do monte. O martes 13 de novembro Luis González Rodríguez, profesor titular da Universidade de Vigo na Facultade de Bioloxía e responsable do grupo de investigación ecofisioloxía vexetal, plantas invasoras, dará a conferencia titulada ‘Eucalipto sí, eucalipto non. Planificación forestal’. O mércores 14 Marisa Castro, profesora titular do Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo ofrecerá a ponencia ‘Aproveitamento micolóxico nos montes galegos vs. incendios forestais’. O xoves 15 a bióloga especialista en micoloxía integrante do Grupo Micolóxico Galego, Puri Lorenzo, falará sobre os Boletus e xéneros afíns. E o venres 16 de novembro José Luis Tomé, da Federación Galega de Micoloxía, ofrecerá a charla ‘Cociñando cogomelos’.
Por último o sábado 17 de novembro de 10.00 horas a 13.00 horas realizarase a tradicional saída para a recollida e identificación de cogomelos guiada por dous monitores especializados. Para participar é necesaria inscrición previa no Pazo de Mos durante os días que se imparten as charlas sobre micoloxía. As prazas dispoñibles son limitadas.