As Neves convértese nun cinema ao aire libre para a estrea de "María Solinha"

Publicidad

As Neves será por unhas horas o epicentro do cinema galego. O municipio pontevedrés acolle a presentación de María Solinha, un proxecto inédito, galego e en galego, que pasará polo concello o vindeiro martes 4 de agosto. A proxección, que terá lugar en formato de cinema de rúa, será na Praza de San Agustín a partir das 22:30 horas e contará con espazo de photocall.

Coa longametraxe “María Solinha”, o director Ignacio Vilar (A esmorga ou Vilamor) leva á gran pantalla a lenda dunha muller icónica, condenada pola Inquisición, cun relato que se move entre o século XVII e o XXI.

Grial Montes e Laura Míguez protagonizan a versión contemporánea da lenda dunha figura visionaria cuxo anhelo de liberdade a converteu en icona feminista. Ademais, o carismático reparto conta co nomeado ao Premio Goya Santi Prego (Mientras dure la guerra), co gañador do Premio Feroz Antonio Durán 'Morris' (Fariña, Dhogs) e coa veterana intérprete Mabel Rivera (Mar adentro, Los fantasmas de Goya).

O prestixioso músico lugués Abraham Cupeiro asina a música do filme, na que incorpora instrumentos milenarios coma o cárnyx ou a caracola. A concelleira de Cultura, Rocío Barreiro, remarca que "a proxección se realizará cumprindo con todas as medidas de seguridade e sanitarias", e convida a asistir e gozar deste proxecto cinematográfico.

Salir de la versión móvil