Así será a axenda de verán en Tui (e vén cargada de solidariedade)

Publicidad

A Axenda Corredoira de verán en Tui de 2018 destaca, sobre todo, polo seu carácter solidario. Despois da explosión do almacén ilegal da pirotécnica La Gallega, o día a día de Tui está focalizado en axudar aos afectados a superar a traxedia. “Case calquera cousa que se fai en Tui ten unha vertente solidaria polos afectados, algo do que nos temos que congratular”, explicou o rexedor tudense, Carlos Vázquez Padín, na presentación da programación de estío.

Así, o domingo, 15 de xullo, celebrarase o concerto solidario “Todos con Paramos” a cargo das bandas de gaitas de San Xoán de Paramos e Lembranzas da Terra de Guillarei, xunto co alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui. Terá lugar no Paseo Fluvial a partires das 21:30 horas e a entrada-donativo ten un prezo de 3€.

Un día antes, este mesmo sábado, a música correra a cargo da Banda de Música Popular de Tui, nun concerto novidade na programación que se repetirá tamén o 11 de agosto e o 1 de setembro ás 21:30 horas no Paseo da Corredoira. Cada unha das xornadas amenizarán o centro paseo tudense con temas que van dende os clásicos a composicións contemporáneas.

A música de Coro e Oquestra estará presente o martes, 14 de agosto, da man do concerto de clausura do 29º Curso de Verán “Tamara Brooks”, que se celebra dende fai oito anos en Tui. Comezará ás 21:30 horas na Catedral.

Os grandes festivais de verán

Ao longo do verán, Tui repetirá cita cos seus grandes festivais que se reparte entre os meses de xullo e setembro. Estarán os xa clásicos como a Noite Internacional do Miño ou Música no Claustro e outros de recente creación como Arraianos, que celebra súa terceira edición.

Ikfem Women Sound

O primeiro dos grandes eventos tudenses chegará da man do Festival Internacional de Instrumentos de Tecla, o IKFEM, que este ano estará centrado na figura das mulleres compositoras. A inauguración terá lugar o venres, 20 de xullo, nunha gran festa solidaria ás beiras do Miño con foodtrucks, rutas en kaiak ou ioga ademais dos concertos de Najla Shami, Andrea González, Júlio Resende e Ghost Beast.


Consulta toda a programación do IKFEM aquí


XIX Noite Internacional do Miño

O martes, 24 de xullo, chegará a noite da fusión cultural da man da Escola de Baile e Música San Fins de Rebordáns. Tras 19 anos de festa, o evento eríxese como unha cita indispensable da que gozar do folk do mundo unido nun recuncho fronteirizo dunha área rural para celebrar a irmandade a través do son. Unha xornada inesquecible do verán tudense.

Este ano achegaranse até o Parque do Laxal en Rebordáns, a partir das 21:30 horas, o grupo xaponés Saiki, os rusos de Razdolie, os colombianos da Compañía Artística Danzar e os arxentinos do Ballet Calden Gaucho.

Música no Claustro

Foto: Música no Claustro - Gus Abreu

Despois do impás do ano pasado no que as obras de rehabilitación da Catedral de Tui impediron celebrar este clásico festival do concello fronteirizo, Música no Claustro volve con máis forza que nunca na súa XIII edición.

Baixo o lema de “reencontros” porá a ollada no sepulcro de Diego de Avellaneda -Bispo de Tui baixo o reinado de Carlos V-, que articula un programa de música, artesanía e patrimonio comisariado por Samuel Diz. Un conxunto de actividades que poñen en diálogo o Renacemento coa creación contemporánea.

O festival celebrarase entre o 4 e o 10 de agosto con concertos de Alterum Cor, Germán Díaz e Benxamín Otero, Tina Masawi e José Antonio Hernández, Jonatan Alvarado, Kebyart Ensemble ou Eva Fernández Jazz Trío.

VII Festa do Miño

O mes de agosto vén marcado pola multitudinaria Festa do Miño na que destaca o Descenso Internacional e Popular organizado polo Club Kaiak Tudense. Como cada ano, co Miño como protagonista, combinarase música, deporte e gastronomía para por en valor ao río e o que representa. ¿A cita? Sábado, 18 de agosto.

No apartado musical, a rúa Lugo acollerá a partires das 22:30 horas o concerto de Anxo Lorenzo Band, que presentará o seu disco na cidade.

Festival Arraianos

Despois das dúbidas sobre a súa celebración e falta de financiamento, finalmente o Festival Arraianos contará co apoio do Concello de Tui para celebrar a que será a súa terceira edición.

Un ano máis, o Conxunto Histórico de Tui regresará á Idade Media para que cabaleiros e donas percorran as súas rúas en tres xornadas de festa de época que arrancarán o venres, 31 de agosto. Visitas teatralizadas, banquete medieval ou espectáculos nocturnos amenizarán unha fin de semana de volta ao medievo.

Tui tamén contará co contacontos de Celso F. Sanmartín e o concerto de MJ Pérez dentro do programa de “Vive o Camiño” organizado polo xacobeo (30 de agosto, 21:00 horas – Praza de San Fernando) e o teatro musical e clown de Xoán Curial co seu “A casa do terror” dentro do Falaredes (27 de setembro, 19:00 horas – Teatro Municipal).

Por último, os máis pequenos volverán ter unha cita co cinema ao aire libre. Este ano as proxeccións para toda a familia e de balde comezarán o venres, 13 de xullo ás 22:30 horas con “El hijo de Bigfoot” e continuarán con “Cavernícola” (27 de xullo, 22:15 horas), “Coco” (3 de agosto, 22:15 horas) e “Ferdinand” (24 de agosto, 22:00 horas). Todas terán lugar na Praza de San Fernando.

Salir de la versión móvil