Así será a Festa da Sementeira do Millo de Matamá, a festa do rural en Vigo

Publicidad

A festa máis rural de Vigo e con máis "agroglamour" da bisbarra xunto ao Festival de Cans chega esta fin de semana a Matamá coa celebración da Festa da Sementeira. Este evento, organizado polo Colectivo Malaherba, festexa a súa sétima edición é ten como un dos rasgos máis característicos as Olimpíadas do Campo, unha especie de Xogos Olímpicos nos que o atletismo ou a natación convértense en lanzamento de boina ou desprazamento de marcos. Este día "deportivo" chegará este mesmo sábado 28 de abril. Os interesados poden inscribirse escribindo o correo electrónico colectivomalaherba@gmail.com. O prazo para apuntarse remata este xoves ás 24:00 horas.

As modalidades que compoñen estas Olimpíadas do Campo son lanzamento de sacho (individual), lanzamento de boina (individual), desprazamento de marcos (por parellas), cabaleiros das cuncas (por parellas), remudas de bocois de viño (equipos de 4), tiro da corda (equipos de 5).

Ademais, nesta Festa da Sementeira, a cativada tamén poderá participar nas súas Olimpíadas do Campo. Esta actividade, desenvolvida pola asociación Semente Vigo, deseñou probas destinadas para os nenos e nenas que acudan o sábado a Matamá.

A rapazada poderá loitar pola "gloria olímpica" nas "disciplinas" de debullar o millo (individual), lanzamento de boina (individual), carreira da trespés (parellas), obradoiro da Sementeira (colectiva).

Despois dos particulares xogos olímpicos será o momento da troula. Os máis cativos poderán desfrutar dende as 19:00 horas do espectáculo Brinca Vai, de Paco Nogueiras, unha actuación musical dirixida a nenos e nenas de máis de tres anos. Ás 20:00 horas, chegará a quenda dos Triatreros, un grupo de teatro que, entre berros e suspiros, esperta as gargalladas e o sentir máis profundo de quen os seus espectáculos presencia.

Un momento das olimpíadas do campo // Malaherba Colectivo

Música en directo

A noite do sábado chegará con dúas potentes ofertas musicais da man de “Os Vacalouras” e mais “IGMIG”, estes últimos nomeados aos premios Martín Códax da Música. "Os Vacalouras", procedentes de Teis, serán os encargados de facer "tremer a terra" co seu autodenominado estilo de "Pataca'n' Roll", ou o que é o mesmo, un Punk Rock reforzado pola gaita e con letras profundas como "Trillei a Pirola ca tapa do Vater" .

Pola súa porta "IGMIG"  é un trío musical vigués con grandes doses de postpunk, rock progresivo ou electrónica. Improvisación, interacción co público e unha posta en escena eufórica definen a este grupo olívico.

Domingo, xornada de labranza

A xornada do domingo arrancará ás 10:30 horas coa saída do carro de bois dende o torreiro acompañado do grupo de folk “Os catro quintos”. Dende aí, todos os asistentes acudirán ao terreo de cultivo para comezar a labranza e dar inicio á feira tradicional.

A rapazada terá a súa propia “Sementeira do Millo” ás 18:00 horas coa que poder aprender o traballo realizado polos seus avós cando non todos os produtos saían dos estantes dos supermercados.

Ao longo das dúas xornadas haberá diferentes actuacións musicais, mostras de perruquería tradicional e etnográficas ou muiñadas e obradoiros co gallo de por en valor a vida do campo e o traballo dos labregos e labregas galegas, fundamental noutros tempos para sacar adiante a un país esfameado.

Salir de la versión móvil