Moaña será o epicentro do cómic galego o 4 e 5 de maio. O evento, que celebra a súa segunda edición tras unha exitosa estrea o pasado ano, contará coa participación de 14 institutos de Moaña, Cangas, Vigo e outras localidades de bisbarra coma Tui ou Nigrán. Esta cita, que xa vai camiño de ser a máis importante neste apartado na provincia de Pontevedra, está organizada polo IES A Paralaia e o IES As Barxas coa colaboración do Concello de Moaña.
A Comic-Con trátase dun evento distinto, unha cita que combina a profesionais da novena arte cos alumnos destes catorce centros educativos. Ese é un dos elementos máis diferenciais deste evento feito polos propios estudantes dos dous institutos de Moaña, que deseñaron o cartel o tríptico e que tamén xestionan a web oficial desta cita imprescindible para os amantes do cómic e, sobre todo, do manga.
A gran novidade desta segunda edición da Comic-Con de Moaña a celebración de varios torneos de videoxogos como a competición que terá lugar o sábado, ás 16:30 horas, sobre o Smash Bross para a Wii U. Ademais, ao longo das dúas xornadas haberá torneo de xogos de mesa e pistolas nerf, namentres que en horario de tarde haberá Jugger, unha modalidade na que se combinan deportes de pelota con outros de loita.
A Comic-Con de Moaña inclúe tamén no seu menú con interesantes obradoiros con grandes profesionais como Julio Lorenzo, dobrador de series como "Dragon Ball" ou "Inspector Gadget", e Iago Araújo e María Vilar, que impartirán un obradoiro de debuxo manga. Os asistentes tamén poden participar, además deste último taller, en actividades como a creación de origami, "hama beads"ou no concurso de cosplay no que os concursantes "encarnanse" nunha personaxe xa existente do mundo manga, anime, cómic ou videoxogos.
A maior parte da programación terá lugar na planta alta da praza de abastos, pero o pavillón do colexio de Reibón acollerá un partido de Quidditch, o deporte máxico protagonista nas novelas sobre Harry Potter. O encontro será o sábado, 5 de maio, ás 16:00 horas.
Todo o programa de actividades da Comic-Con de Moaña arrancará ás 10:00 horas e rematará ás 20:00 horas.
A Comic-Con, un evento "mediático"
A cita que reunirá a máis de 300 adolescentes en Moaña será gravada pola televisión escolar de Moaña, unha plataforma autónoma de carácter municipal que mostrará todas as actividades de todos os institutos e os colexios da localidade morracense.
O acto da presentación da Comic-Con de Moaña contou coa presenza da alcaldesa Leticia Santos; do concelleiro de Xuventude, Pablo Ríos; dos docentes Eugenia Martínez e Curro Zea e das alumnas Andrea Pérez e Ayelén Giambroni, que acudiron con dous modelos de cosplay.