O Entroido arrancará en Mos o luns, 12 de febreiro, cunha festa infantil na que se celebrará un desfile de disfraces entre os mais cativos nunha cita amenizada polo concerto de Peter Punk. O evento arrancará ás 17:00 horas no Multiusos das Pozas.
Os adultos mosenses tamén poderán celebrar o Entroido cunha Festa de Disfraces que inclúe cea e sesión DJ e que terá lugar o 17 de febreiro a partir das 22.00 horas tamén no Multiusos das Pozas. Esta actividade, dirixida a maiores de 18 anos, ten un prezo de participación por persoa de 20 euros e require de inscrición previa nas oficinas da OMIX sitas no edificio Multiusos.
Por último, o tradicional Desfile de Comparsas do Concello de Mos celebrarase o domingo 11 de febreiro ás 17.30 horas na Avenida de Sanguiñeda.
O desfile divídese en dúas seccións: infantís ata 12 anos, e adultos, de 13 anos en adiante. Consideraranse dunha ou doutra categoría atendendo á porcentaxe de idade que teña maior número de compoñentes, como mínimo nun 60%.
A día de hoxe hai inscritas no Desfile de Mos 22 comparsas, pero o Concello aínda non fixo público cales delas participarán. Terán prioridade, iso si, as comparsas mosenses e tamén se puntuará positivamente o maior número de integrantes. Das 22 inscritas, 10 son de Mos, 5 de Vigo, 2 de O Porriño, 2 de Gondomar, 1 de Salvaterra, 1 de Tomiño e 1 de Nigrán. Entre elas hai 19 comparsas de adultos e 3 infantís (as infantís son unha de Mos, outra do Porriño e outra de Vigo).
O comezo do desfile terá lugar diante do concesionario da Renault en dirección ás inmediacións da Discoteca Queen. Ao remate do mesmo haberá un DJ infantil que amenizará musicalmente a entrega de premios.
Os premios que inclúe o Concurso de Comparsas do Desfile de Entroido do Concello de Mos son: Premio único á mellor comparsa infantil, Premio único á mellor comparsa de adultos, Mención especial á mellor carroza, Mención especial ao mellor vestiario, e Mención especial animación.
Campamentos de Entroido
Os cativos de Mos poderán tamén desfrutar, aprender e divertirse no habitual Campamento Infantil de Entroido que acolle a Ludoteca de San Rafael (Pereiras). Esta iniciativa, fundamental para a conciliación da vida familiar e laboral dos pais e nais de alumnos/as que teñen que traballar durante as vacacións dos seus fillos, vai dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade. As datas de celebración deste campamento serán os días 12, 13 e 14 de febreiro en horario matinal de 09.00 horas a 14.30 horas. Os interesados en participar deberán inscribirse nas oficinas da OMIX no Multiusos, chamando ao teléfono 986 33 94 04, ou presencialmente na propia Ludoteca de San Rafael.
En ambas Ludotecas Municipais, a de San Rafael en Pereiras e a de Louredo, e tamén perseguindo o obxectivo da conciliación da vida familiar e laboral, impartirase o curso de cociña ‘Cociñamos no Entroido na Ludoteca’ dirixido a nenos/as e adultos/as. Impartirase o 10 de febreiro de 10.00 horas a 13.00 horas. As inscricións deberán ser formalizadas nas oficinas da OMIX no Multiusos, chamando ao teléfono 986 33 94 04, ou presencialmente na propia Ludoteca de San Rafael.