Unha noite de San Xoán en Cesantes a ritmo de folk

Publicidad

A novena edición do Festival Folk Illa de San Simón terá lugar na tarde-noite do 23 de xuño, coincidindo un ano máis coa celebración de San Xoán.

Esta cita cultural, organizada polo grupo de baile e gaitas Airiños de San Simón do Círculo Cultural e Deportivo de Cesantes, contará con actuacións musicais para toda a familia, así como coa tradicional fogueira e con comida e bebida a prezos populares.

A música comezará cunha proposta para os máis pequenos da man de Nelson Quinteiro e o seu espectáculo “As nosas músicas”, co que se achega á tradición instrumental e vocal da terra. Divertidas e moi participativas as súas postas en escena son perfectas para comezar unha noite especial en familia.

O momento máis reivindicativo chegará coa actuación das Punkiereteiras, grupo de Ponteareas formado integramente por mulleres comprometidas coa igualdade que traballan na loita contra as inxustizas de xénero. Trátase dunha aposta do Festival Folk Illa de San Simón coa que defender que o avance se conxuga en feminino.

O cartel musical da noite máis curta do ano fechará coa actuación da Fanfarria Furruxa, grupo de Caldas de Reis con moito ritmo que mestura o folk galego e as gaitas con outros estilos e instrumentos.

Coma cada ano haberá tamén unha barra con bebida e comida a prezos populares coa finalidade de reunir fondos que irán destinados integramente a cubrir os gastos xerados polo propio evento. Do mesmo xeito a organización venderá camisetas da novena edición cun novo deseño, herbas de San Xoán e auga de sete fontes.

En canto á fogueira, dende a organización do evento están solicitando a toda a veciñanza que respecte as normas e que non bote no lugar materiais que non poidan ser queimados, coma lixo ou mobles de madeira pintados ou vernizados.

Nesta novena edición propoñen un festival máis humilde a nivel técnico que en anos anteriores, pero que non por iso será menos atractivo para os centos de persoas que cada 23 de xuño deciden festexar na parroquia. Mentres, os organizadores resérvanse para a vindeira edición, que será o seu décimo aniversario. Os plans son desvincular en 2019 o festival do San Xoán, para poder organizalo novamente na praia de Cesantes cunha celebración especial tras unha década traballando a prol da música folk.

Salir de la versión móvil