Así son as seis novas confirmacións do Revenidas 2019

Imaxe de Arquivo do Revenidas

Publicidad

O festival Revenidas, que celebrará a súa edición do 9 ao 11 de agosto, continúa desvelando parte da súa programación para este verán. Nesta ocasión é a quenda dos italianos Talco; os lendarios Gatillazo; os arxentinos Los Caligaris; o dancehall, punk e reggae Mal Élevé; a música urbana de Tribade e Valira, o novo proxecto de Juan Zanza, guitarrista da Raíz.

Estas seis bandas súmanse aos xa anunciados punk do cuarteto sueco The Baboon Show, El Niño de la Hipoteca en formato eléctrico acompañado de Los Ratones, o poder feminista e reivindicativo de Flow do Toxo, o potentísimo punk e hard-core de Desakato e a cumbia e o reggaeton tropical de Los Jinetes del Trópico.

O modelo de combinar actividades de balde para público familar con concertos de pago seguirá sendo a base desta festa galega, que continúará na súa liña de explorar novos espazos con actividades vencelladas á vila e ao entorno no que se celebra. Os interesados e interesadas en asistir ao Revenidas 2019 poden mercar xa os seus abonos de tres días -con acampada incluída- por un prezo de 33 euros a través da páxina web.

Así soan as novas confirmacións do Revenidas

Talco

Empezaron hai 14 anos en pequenas salas de Marghera e cun disco chamado "Tutti Assolti". Agora presentan o seu novo traballo “And the Winner Isn’t”, 13 cancións do clásico Punkchanka da banda, pero cun matiz moito máis punk rock de corte californiano. Xamais un disco de Talco soara así de potente e que se achega máis que nunca ao espírito en directo da banda.

Gatillazo

O lendarios Gatillazo pisarán este agosto o Revenidas para cantar contra a careta da ‘paz social’, contra o falso e artificial mito da ‘eterna mocidade’ ou contra os tertulianos. Trinta anos despois dos seus inicios Gatillazo preséntanos co seu novo traballo un novo exercicio de punk rock rugoso e sen engurras; 14 novas cancións cheas de ironía e rabia co inconfundible selo de Evaristo Páramos, mítico cantante que non para e que aí segue, sen despeitearse. Sen engurrarse e á espreita, pola súa voz e as súas letras coñecerédelo: aí é nada!

Los Caligaris

Los Caligaris son unha banda arxentina formada en 1997 que fusiona diversos xéneros musicais que van desde o rock ata o cuarteto cordobés, sumando á súa proposta aires circenses e ofrecendo un innovador estilo de cancións para ver. O nome do grupo inspírase na lenda do pallaso “Caligari”, quen mentres desenvolvía a súa rutina, morreu en escena disimulando a súa agonía como parte do seu acto. En homenaxe a aquel gran pallaso, nacen Los Caligaris, aupando a bandeira de divertir ata o final.

Mal Élevé

Tras liderar a mítica banda alemá Irie Révoltés, coa que percorreu 24 países, Pablo Charlemoine pechou unha etapa en 2017 cun exitoso circuíto de despedida que compartiu con máis de 60.000 espectadores e espectadoras. En 2018 o artista alemán de ascendencia republicana volve á carga en solitario con MAL ÉLEVÉ e á fronte dunha potente banda en directo. MAL ÉLEVÉ é moito máis que un “mal educado” que combina os seus riddims de dancehall, punk, reggae ou hip hop: fiel á súa filosfía, e á súa historia, MAL ÉLEVÉ é un loitador musical pola solidariedade e por un mundo libre de desigualdade.

Tribade

Tras poñer a escena underground do revés e prenderlle lume ás redes co seu hit “Gaupasa”, Tribade anuncian novo disco en febreiro de 2019 e xira de presentación a partir de marzo. A formación barcelonesa de rap e música urbana está chamada a ser unha das sensacións da nova tempada.

Valira

Valira é o novo proxecto de Juan Zanza, guitarrista da Raíz. Tras o parón da banda, o artista lánzase este 2019 cun bo puñado de cancións propias que darán forma ao primeiro disco do grupo. Valira defenderá en directo o seu repertorio por salas e festivais, con Zanza como frontman centrado na voz, sen esquecer a guitarra e liderando unha potente banda de rock.

Salir de la versión móvil