Aprender a recoñecer as principais constelacións e a orientarse a través das estrelas son algúns dos coñecementos que se poderán adquirir no obradoiro de astronomía Astrofamilias: o planetario desde dentro, unha iniciativa posta en marcha pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo dentro do seu plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta. Este obradoiro terá lugar o vindeiro martes 10 de outubro, a partir das 17:00 horas, no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico (Avenida de Beiramar, 55) e será impartido por Adolfo García, capitán da Mariña Mercante e profesor de Navegación no mesmo instituto.
Este evento de divulgación científica, que tivo xa unha primeira edición en 2022, conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) e enmárcase dentro dos actos da Semana Mundial do Espazo, que se celebra cada ano do 4 ao 10 de outubro co obxectivo de poñer en valor as contribucións da ciencia e a tecnoloxía espaciais á mellora da condición humana.
Un obradoiro para todas as idades
O obradoiro, de carácter dinámico e participativo, ten como finalidade achegar o mundo da astronomía dun xeito ameno e sinxelo á cidadanía e, en especial, a un público familiar. Ao longo da xornada tanto nenos e nenas como adultos e adultas aprenderán a entender o tamaño do Universo e a descubrir os segredos do sistema solar e tomarán conciencia de todos os problemas derivados da contaminación luminosa.
A participación será aberta ata completar as 40 prazas dispoñibles, pero será necesario inscribirse previamente e de xeito gratuíto a través desta ligazón antes do luns ás 17:00 horas