O autocine segue de xira por Galicia. Unha das propostas culturais estrela nestes tempos de pandemia continúa permitindo gozar do mellor cine dende o noso automóbil. A iniciativa, que xa foi un éxito no pasado verán en Tui e que esgotou todas las entradas en Nigrán recentemente, desembarca este venres 12 de marzo no Concello de Salceda de Caselas cunha sesión de balde na que os asistentes poderán gozar da proxección de “María Solinha”.
O pase do último filme de Ignacio Vilar terá lugar no Campo de Fútbol dos Agoeiros. A reserva das entradas xa está dispoñible na web oficial de Autocine.gal (premer aquí). A función comezará ás 19:45 horas mentres que a hora de apertura para acceder ao recinto será ás 18:45 horas. O aforo do autocine será para uns 110 vehículos.
A proxección de “María Solinha” en modo autocine é unha das actividades deseñadas polo Concello de Salceda de Caselas para conmemorar o 8M. A iniciativa de poder gozar dunha das grandes películas do cine galego de 2020 está sendo un éxito. Ás 19:30 deste martes aínda quedaban entradas para vivir unha experiencia de desfrutar do sétimo arte dunha forma distinta.
“María Solinha” narra a historia dun afamado director que chega a Cangas do Morrazo para reconstruír no teatro a historia de María Solinha, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII. A protagonista da obra de teatro vai sufrir, no século XXI, acedos ecos da agresión que sufriu María Solinho no século XVII.