Baiona, Moaña e Nigrán participan na Limpeza Simultánea de Praias

Praia da Xunqueira // Foto de arquivo

Publicidad

Co obxectivo de concienciar sobra a necesidade de manter limpas as nosas costas dos refugallos diarios, e pensada como un acto simbólico, Adega e o Campus do Mar da Universidade Vigo organizan para esta fin de semana unha limpeza masiva de praias en Galicia.

Esta actividade de concienciación e educación ambiental desenvolverase na área de Vigo en tres areais de Baiona, Moaña e Nigrán e poden participar todos os que o desexen previa inscrición que permita organizar os grupos.

Así as persoas interesadas en anotarse poden chamar por teléfono ou enviar un correo electrónico ao Campus do Mar (campusmar@uvigo.es / 986130000), Adega (adega@adega.gal / 981570099) ou a cada un dos concellos participantes.

No caso de Baiona e Moaña a limpeza comezará ás 10:30 horas do sábado, 11 de novembro, na Praia de Ladeira (Baiona) e da Xunqueira (Moaña). En Nigrán, a actividade dará inicio ás 11:00 horas do mesmo día no areal de Panxón. Nos tres casos os concellos serán os encargados de aportar todo o material preciso (luvas, bolsas…) aínda que se recomenda aos voluntarios e voluntarias acudir coa roupa axeitada para tal tarefa.

Unha ducia de praias polo respecto ao medio

Nestes últimos anos sumáronse centos de persoas ás limpezas de praias. Este ano serán máis dunha ducia de praias nas que haberá algunha actividade de limpeza, e nas que participarán entidades de moi diversa índole como centros de ensino, asociacións ecoloxistas ou concellos. O obxectivo é claro: dar a coñecer a problemática ambiental do lixo mariño que afecta a todos os mares e océanos do planeta.

As limpezas de praias son actos simbólicos, nos que non se debe ver ao voluntariado como man de obra barata para deixar limpos os areais. Son actividades de concienciación e educación ambiental que permiten que a cidadanía coñeza a problemática dos residuos mariños, a súa procedencia e os impactos que causan, así como avaliar cales son as medidas que cada un de nós pode desenvolver para minimizar este problema.

Salir de la versión móvil