Benigno Campos pecha este domingo os showcookings do choco en Redondela

Publicidad

O cociñeiro Benigno Campos será o encargado de pechar este domingo os showcookings das Xornadas Gastronómicas do Choco, que se celebran até o 16 de maio en diferentes restaurantes de Redondela. O cociñeiro será o invitado de honra na carpa situada diante da Casa do Concello para amosar os segredos de preparar uns extraordinarios chocos con patacas e tirabeques. A cita comezará ás 11:00 horas.

Pucho Barciela e Gilda Pires, foron os encargados de abrir as actividades o venres, 7 de maio. Neste primeiro showcooking no que participou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, Pucho Barciela e Gilda Pires amosaron como preparar uns espectaculares chocos guisados e unhas arepas recheas de choco. Este sábado foron Manuel Conde e José Manuel Durán os que amosaron os segredos da elaboración dunha tortilla de chocos e uns chocos á galega.

As Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela, continuarán durante toda a semana na que once establecementos hostaleiros ofrecerán as súas especiais formas de preparar os chocos. Nalgúns casos poderán degustarse no propio local ou facendo pedidos para levar a casa, mentres que outros dispoñerán de servizo a domicilio, totalmente gratuíto para o cliente, a cargo da empresa redondela Roombo.

78 Gastro Bar, Antolín, Café Bar Os Amigos, Casa Consejo, Casa Mucha, Don Vinarius, Lemos, Meraki, O Xantar de Outelo, Tapería Patri e Vila Bella, ofrecen ao abeiro destas xornadas gastronómicas menús nos que poñen toda a súa sabiduría culinaria e, respectando o choco, constrúen deliciosos menús.

A clientela destas Xornadas Gastronómicas do Choco de Redondela tamén terá premio, xa que poderán participar no sorteo de dous agasallos. Dunha banda unha experiencia de turismo mariñeiro para dúas persoas e, por outra banda, un lote de viños Capellán, mencía e godello. Para participar non teñen máis que solicitar os cupóns de participación que estarán á disposición dos clientes dos menús nos establecementos que participan nestas xornadas gastronómicas.

As Xornadas, organizadas polo Concello de Redondela a través da Concellería de Promoción Económica que xestiona María Castro e coa colaboración da Confraría de Pescadores de Redondela, ceden o protagonismo ao choco, como produto estrela, e ao sector da hostalaría que, tal e como sinalaba a alcaldesa Digna Rivas na presentación desta iniciativa, “foi o sector máis duramente golpeado pola crise e, pese a iso, souberon aguantar e cando as normas sanitarias o permitían, seguir amosando o seu alto grao de profesionalidade”.

Salir de la versión móvil