Budiño, primeira confirmación do Festival Intercéltico do Morrazo

Publicidad

O Intercéltico do Morrazo vai abrindo boca. O festival de Moaña, que este ano celebrarase entre o 26 e o 28 de xullo, vén de anunciar a súa primeira gran confirmación e, como non podería ser doutra forma, chega con “selo local”.

O gaiteiro moañés, Xosé Manuel Budiño, será o cabeza de cartel da segunda xornada do Intercéltico, o venres, 27 de xullo. O seu concerto escaravellará na memoria dos asistentes para volver ao seu primeiro disco, Paralaia, un clásico na música folclórica galega.

“Un artista atípico”, coma el mesmo se define, que repasará a súa carreira (seis discos publicados= como músico e compositor nunha cita de obrigada asistencia. Budiño estará acompañado no escenario dalgúns dos mellores músicos de Galicia. No violín estará Cibrán Seixo; na guitarra, Tato Vázquez; na batería e percusión, Ton Risco; no baixo, Fran Sanz; no trombón e bombardino, Antonio Rodríguez e no acordeón, Santi Cribeiro.

Budiño álzase así como a primeira confirmación dun festival que este ano promete un cartel de luxo. O gaiteiro moañés formouse na Escola de Gaitas Semente Nova de Moaña e na Universidade Popular de Vigo e durante máis de 20 anos está a achegar a cultura e música galega a lugares tan dispares como Siria, China, Beirut, Noruega ou Colombia.

Dende o Concello de Moaña confirman esta actuación coa “honra de poder contar cunha das nosas figuras artísticas máis relevantes, referente indiscutible na música folk”.

Salir de la versión móvil