Bueu cambia as castañas pola micoloxía

Publicidad

Unha vez pasado o San Martiño, e como xa vén sendo a tradición, O Concello de Bueu e a Asociación Micolóxica Naturalista Os Liboreiros organizan as XX Xornadas Micolóxicas, que se celebrarán entre o 20 e o 24 de novembro no Centro Social do Mar ás 20.30 horas. Durante toda esa semana poderase ver unha mostra arredor dos vinte anos destas Xornadas, e desenvolveranse unha serie de conferencias arredor do vasto mundo dos fungos.

O luns, 20 de novembro, Ramón Carlos Encisa, da Agrupación Micolóxica “A Cantarela” de Vilagarcía impartirá unha charla arredor dos cogumelos comparados, tóxicos e comestibles e das súas similitudes.

O martes será a quenda de Marisa Castro, doutora en bioloxía, e investigadora en micoloxía na Universidade de Vigo. Ela falará sobre os “fungos hipoxeos: trufas e truficultura”.

Julián Alonso, membro da Sociedade Micolóxica “Lucus” ensinaranos sobre “fungos medicinais”. Continúa a senda de conferencias o xoves, con “curiosidades sobre os Gasteromycetes”, información que será mostrada por José María Costa Lago, pertencente á Asociación Micolóxica – Naturalista “Pan de Raposo” de Cee.

O venres remata o ciclo con Xosé Manuel Castro Marcote, membro da Asociación Pan de Raposo, que nos explicará como son os cogomelos raros ou ameazados en Galicia.

Estas charlas son abertas ao público e de entrada gratuíta ata completar aforo. O seu obxectivo é divulgar o coñecemento arredor da micoloxía, principalmente das especies galegas de fungos, así como doutros temas de interese xeral relacionados coa biodiversidade.

Salir de la versión móvil