Obradoiros, xincanas, xogos populares, cinema ou mercados de Nadal son algunhas das propostas do Concello de Bueu para celebrar as últimas festas do ano no municipio. “Actividades diversas e para toda a familia”, como avanzaron na presentación oficial desta mañá o concelleiro de Cultura, Xosé Leal, e o técnico da área, Xabier Framil.
Os rapaces e rapazas de 3 a 12 anos poderán gozar dos Obradoiros de Xogos Polo Nadal, que terán lugar entre o 23 de decembro e o 5 de xaneiro, en horario de 10 a 14 horas na sala multiusos do Centro Social do Mar (1º andar). A inscrición farase na propia actividade ata un máximo de trinta persoas.
Outro dos eventos estrela da programación deste ano son os Ecomercados de Nadal, organizados dende a concellería de desenvolvemento local, que terán lugar na contorna da Praza de Abastos o 22,23,29 e 30 de decembro, e 5 de xaneiro, e que contarán con venda de produtos ecolóxicos e artesanais, ademais de cosméticos naturais, bixutería e téxtil e coiro. Para darlle un maior dinamismo, están programados unha serie de obradoiros para os máis cativos/as así como degustacións e sorteos.
Os máis pequenos e pequenas terán a posibilidade de ver cine e asistir a espectáculos de maxia. Dende a Asociación Ficbueu organizan o próximo xoves ás 17.00 horas unha proxección de curtas infantís. Ademais, o 27 de decembro poderase ver “Ponyo en el acantilado”, o 30, “Kubo y las dos cuerdas mágicas” e o 3 de xaneiro, El viaje de Arlo”. En canto á maxia, o Mago Paco presentará o 26 de decembro (en sesión dobre ás 17 e 19 horas) o seu espectáculo “Chapuzas a domicilio” no Centro Social do Mar, e o Mago Richard fará “Maxia en estado puro” na Casa do Pobo de Beluso o 28 de decembro. Así mesmo, tamén haberá maxia cómica co “Rey Midas” o 2 de xaneiro.
No terreo musical, o 22 de decembro, a Banda de Música Artística de Bueu celebra o seu concerto benéfico no que recadará alimentos para destinar a Cáritas. E o 23 é quenda do Festival de Panxoliñas organizado pola Asociación Española Contra o Cancro, que terá lugar no Centro Social do Mar ás 20.30 horas. Na Praza de Abastos tamén se desenvolverán uns concertos coincidindo cos Ecomercados: o 29 de decembro, concerto infantil de Xoán Curiel, e o 30, con “The Swinging Flamingos”.
No terreo deportivo, dende a concellaría de deportes ponse en marcha unha nova edición da Carreira Solidaria de Nadal, que este ano celebra o terceiro aniversario. O evento terá lugar o sábado, 23 de decembro, a partir das 16.00 horas, e terá como misión recadar fondos para a Asociación Bicos de Papel. Tamén ese día, a Asociación San Marcos de Beluso inaugura o seu X Belén Vivinte, que se poderá ver na Casa Reitoral da parroquia entre as 16.30 e as 20.30 h (este belén poderase ver tamén o 5 de xaneiro no Centro Social do Mar).
O 24 de decembro, data da Noiteboa, o Apalpador visitará a Praza Massó, para encher de maxia os desexos da rapazada, no marco dun programa deseñado pola Deputación Provincial de Pontevedra. O espectáculo inclúe a narración oral e a música, xa que o Apalpador vai acompañado dun acordeonista, que xiran ao redor de historias tradicionais galegas, así como da importancia da compostaxe, de coidar os montes e da necesidade de evitar os incendios. Así mesmo, polas rúas da parroquia de Cela, a Asociación Cultural Retrouso de Cela organiza ese día o tradicional “Bando das Navidades”.
O programa inclúe tamén actividades na Axencia de Lectura de Meiro, situada na Casa da Aldea. Concretamente, neste espazo celebrarase o 21 de decembro un canto de Panxoliñas de Nadal co grupo infantil - xuvenil “De Cabras”, ás 20.00 horas. Continúa o 26 de decembro, á mesma hora, coa presentación do libro Nomes de fume, da poeta bueuesa Míriam Ferradáns. E o 29 de decembro terá lugar no Recinto da Morada (ao carón da Casa da Aldea) unha xornada de xogos populares con chocolate a partir das 16.30 h., ademais da presentación do libro Á carón da lareira de Luis Chapela o 4 de xaneiro.
Xa en xaneiro, o evento estrela é a recepción e cabalgata aos Reis Magos, que se celebrará o 5 de xaneiro. Concretamente a recepción será ás 12 horas na Sala Domínguez Búa e a cabalgata ás 18.00 h polas rúas da vila. Non hai que esquecer tampouco a festa final da xincana infantil “Ulo meu oficio” que organiza FECIMO o 3 de xaneiro de 17 a 19 horas na Praza Massó.