A Oficina Municipal de Información ao Consumidor convoca á veciñanza de Bueu afectada polas cláusulas chan a unha reunión, que se celebrará este xoves ás 19.30 horas no Centro Social do Mar. O obxectivo deste acto é informar sobre o seguinte paso que se vai dar dende o departamento, despois da negativa das entidades financeiras a devolver as coñecidas como “cláusulas chan”.
O seguinte paso que se vai dar é trasladar todas as reclamacións ao Banco de España, e por parte do alcalde do Concello de Bueu confíase na sentenza do 23 de decembro de 2015 do Tribunal Supremo, que declara nulas por abusivas as cláusulas que se impuxeron ao consumidor.
No que vai de ano, a OMIC de Bueu tramitou un total de 220 solicitudes da veciñanza para solicitar a devolución dos gastos de formalización da hipoteca. Desas, tan só nove solicitudes recibiron unha resposta positiva, pero as cantidades devoltas foron irrisorias, apenas 3500 euros. As restantes foron denegadas por parte das entidades bancarias, quen consideraron que as cláusulas son legais e que non procede a mediación de consumo.