Rutas de sendeirismo para desfrutar ao aire libre durante a Semana Santa. Esta é a proposta do concello de Bueu para unhas vacacións nas que non se poderá abandonar Galicia. O Concello morrancense porá en marcha tres rutas coas que, explican dende o Goberno, búscase "ofrecer hábitos saudables para a cidadanía, ao tempo que se dá a coñecer o patrimonio cultural, natural e etnográfico da vila".
Así, o 30 de marzo as persoas participantes poderán coñecer a ruta da Costa, con saída dende o porto de Beluso e na que se pasará polas praias como A Roiba, a Aula da Natureza de Cabo Udra ou a Igrexa de Beluso.
O 1 de abril será a quenda do Monte Liboreiro, con saída dende a Praza do Concello, e no que se poderán coñecer o cruceiro do adro de San Martiño, as Mámoas de Castiñeiras, o Petróglifo da Avelairas e o Castro de Liboreiro.
Por último, o sábado 3 de abril culminarase en Ermelo, nunha saída dende a igrexa, e pasando pola Esculca, Pouso das Cruces e Paralaia.
As persoas que desexen participar deberán enviar un correo electrónico a turismo@concellodebueu.gal, indicando nome e apelidos e un teléfono de contacto. Todas as camiñadas sairán ás 10:00 horas e durarán aproximadamente tres horas.
O Concello lembra que a iniciativa englóbase no traballo para fomentar o turismo sostible e de natureza, cunha "especial preocupación" polas rutas de sendeirismo, e as actividades respectuosas co medio ambiente e a contorna. O obxectivo das políticas deportivas e de turismo é, pois, dar a coñecer o patrimonio natural e inmaterial da contorna, tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.