O Concello de Cangas celebra este sábado, 26 de maio, a súa Festa Intercultural como broche final ás XIV Xornadas Interculturais: Crecendo na diversidade, que tiveron lugar nos diferentes centros educativos do municipio ao longo do mes de abril.
Así, a Alameda Vella será o punto no que seis asociacións, Adicam, Oxfam-Intermón, Shanga-India, Solidariedade Internacional de Galicia, DOA e AECC, instalen os seus postos solidarios e de comercio xusto. A apertura da feira será ás 18:00 horas namentres que ás 18:30 horas terá lugar a actuación da Agrupación de Conservatorio e Escola de Música de Cangas, ás 19:00 horas impartirase o obradoiro de danzas do mundo dirixido por Bea Díaz e ás 20:00 horas pechará a festa o Grupo Danza Oriental de Margarita Outeiral.
Durante o mes de abril tiveron lugar as actividades dirixidas á poboación escolar de Cangas nas que participaron o CEIP A Rúa, CEIP San Roque, CEIP do HÍo, CEIP Nazaret, CEIP Espiñeira, CEIP Castrillon, CPR Compañía de Maria, CPR Casa de la Virgen, CRR Eduardo Pondal, IES Rodeira e IES Montecarrasco.
Membros das ONGs Arquitectura sen fronteiras, Solidariedade Internacional de Galicia, Oxfam-Intermon, Ecos do Sur e Anxo Moure foron os responsables de achegar á veciñanza de Cangas diversas experiencias de integración de Galicia e do resto do Estado tanto a nivel educativo como a nivel social, e experiencias de sensibilización e cooperación a través da participación en distintas actividades. Na Festa Intercultural implícanse a diversos colectivos sociais que traballan e realizan as súas actividades en Cangas e na comarca ademais de ONG que transmiten os valores do comercio xusto.