Cans arranca a súa previa cos filmes de Massadian e a inauguración da mostra de Diego Giráldez

Publicidad

A vindeira edición do Festival de Cans, que terá lugar do 16 ao 20 de maio, arranca esta fin de semana cunha programación previa en O Porriño que contará cunha retrospectiva da cineasta Valérie Massadian, a apertura dunha exposición de collage de Diego Giráldez e coa presentación do novo proxecto musical de Eladio Santos, Ronsel, acompañado por Andrés Cunha. Todas as actividades son de balde.

A programación especial que ofrece nesta edición o Festival de Cans sobre a directora franco-armenia Valérie Massadian arranca o venres 12 ás 20:00 horas coa proxección da súa longametraxe de debut, Nana (2011) (mellor película no Festival de Locarno), mentres que o sábado 13 ás 18,00 horas proxectarase Milla (2017) (Premio do Xurado e do Público no Festival de Locarno) .

As proxeccións terán lugar no Centro Cultural do Porriño e son a primeira parte da retrospectiva que lle dedicará o festival o día 20, coa exhibición da súa obra como curtametraxista, con títulos como América (2013), Ninouche (2011), Solitudes. L’insomnie (2019), La tempête (2018), Care (2022), Mamoushka (2014) e Ire (2021). Moitas delas están inéditas en España.

A cineasta franco-armenia é unha autora radicalmente independente, partidaria de traballar con equipos reducidos e de borrar as fronteiras entre a realidade e a ficción, cultivando a confianza das persoas que se converterán nas súas personaxes. Massadian intervirá por videoconferencia antes da proxección da primeira longametraxe e estará presente en Cans durante o festival (posibilidade de xestionar entrevistas para os medios interesados).

O sábado 13 ás 20:00 horas, a seguir do filme de Massadian, terá lugar a apertura da exposición Collage Catástrofe, do xornalista e escritor Diego Giráldez, na que se mesturan mulleres que ben poderían protagonizar unha comedia romántica de Frank Capra con homenaxes ao cine de catástrofes dos anos 70. Cada anaco de papel dun collage de Giráldez é un fotograma. A mostra poderá verse no Circulo Recreativo Cultural de O Porriño ata o 31 de maio.

Tamén o sábado e na terraza do Circulo Recreativo Cultural terá lugar ás 21:00 horas a presentación de Ronsel, novo proxecto de Eladio Santos (Eladio y los Seres Queridos). É unha iniciativa organizada polo Círculo Recreativo Cultural dentro do ciclo “Círculo Aberto”, como previa da XX edición do Festival de Cans.

Entradas para as proxeccións do sábado á tarde esgotadas

A venda de entradas para a nova edición do festival segue a moi bo ritmo. Os tickets para a sesión de tarde do sábado 20 (competición de Ficción e Animación) xa están esgotados e para a sección matinal de Furacáns quedan menos de dez. As entradas para o resto de actividades só estarán á venda online ata o martes, 16 de maio. A partir desa data, se sobrase algunha, estarán á venda fisicamente desde o mércores 17 no posto de merchandising do festival. As entradas disponibles poden adquirirse na web oficial do evento (premer aqui).

Salir de la versión móvil