A Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade informa que a exposición Cartas de Amor foi concedida ao Concello de Cangas e vai estar exposta do 18 de xaneiro ata o 13 de febreiro no IES Rodeira.
Cartas de Amor é unha mostra do cómic galego sobre violencia de xénero, con debuxos de artistas de sona como Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, Pirusca, José Luís Méndez, Jack Mircala ou Javier Olivares. A exposición quere sensibilizar a poboación máis nova sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse, axudar a detectala e polo tanto a eliminala.
Con Cartas de Amor, a Secretaría Xeral da Igualdade pretende establecer un paralelismo entre o mundo romántico das primeiras relacións de parella e a crueldade que, ás veces, vai asociada a elas, tendo en conta que, nos últimos anos, se detectan moitos casos de relacións de parellas entre adolescentes cunha forte carga de violencia verbal e incluso física.
A orixe da mostra partiu da proposta da súa comisaria, Gemma Sesar, a varias/os debuxantes galegos/as e nacionais para plasmar nunha imaxe situacións ou momentos que considerasen como violentos entre adolescentes, co obxectivo de por de manifesto a necesidade de mudar esas actitudes por outras nas que prime o respecto á parella.
Deste xeito, na mostra están os traballos dos dous premios nacionais de ilustración, Miguel Calatayud, e de cómic, Paco Roca, no ano 2009; así como figuras galegas, como Patricia Castelao, Pirusca, David Pintor e Óscar Villán.
Tamén participan autoras e autores que están acadando grande éxito entre a xente máis nova, como Eva Vázquez, Javier Olivares, Primitivo, Sonia Pulido, Jack Mircala ou Sergi San Julián. Ademais o escultor Méndez, a escritora Anxos Sumai e o deseñador Fausto, únense a esta mostra con tres achegas diferentes.
Todos e todas elas mostran no seu traballo a súa reflexión persoal sobre o que as Cartas de Amor non deben ser. Esta exposición ten asociada un obradoiro que terá lugar o 25 de xaneiro no mesmo Centro a cargo de Gloria Isabel Serrano Azat.