Catro plans para esta "finde" na Guarda: cine, turismo, deporte e arte

Publicidad

A programación cultural e deportiva da fin de semana comezará na Guarda coa proxección do filme inglés “La chica danesa”. O sábado os que se acheguen até a vila baixomiñota poderán realizar un percorrido guiado por Salcidos ou desfrutar da proba “Vellas Glorias do Ciclismo”, namentres o caso histórico da Guarda será o protagonista dunha ruta guiada no domingo.

Plan de cine

A noite do venres teremos ocasión de gozar do mellor cine no Centro Cultural. Alí proxectarase “La chica danesa”, unha película dramática que narra a historia real unha parella de artistas cuxa vida marital da un xiro cando o home adopta unha aparencia feminina. Esta será unha boa ocasión para reflexionar sobre a identidade de xénero e a ruptura dos estándares sociais respecto do estrito binomio home-muller. A proxección arrancará ás 21:00 horas.

Plan de andaina

A Asociación de Mulleres Progresistas da Guarda, pola súa parte, organiza este sábado, 21 de outubro, unha visita guiada pola parroquia de Salcidos. O percorrido comezará na Igrexa Parroquial ás 17:00 horas, e estará dirixida polo historiador Manuel Álvarez. Da súa man coñeceremos a historia do pazo e os seus moradores, así coma dos lavadoiros públicos e outros lugares emblemáticos da parroquia.

Xa o domingo, gozar do entorno será o obxectivo principal da andaina organizada pola Asociación Veciñal e Cultural das Parroquias da Guarda. Ás 16:30 horas comezará unha ruta guiada polo casco histórico con saída dende o Castelo de Santa cruz. O percorrido pasará polas murallas, a atalaia, a cetaria e outros puntos de interese da nosa vila, contando coas explicacións do funcionario de Patrimonio da Xunta de Galicia, Miguel Reboredo.

Plan de deporte

O deporte tamén terá cabida na xornada do sábado coa celebración da proba “Vellas Glorias do Ciclismo”. Os participantes -entre os que se atopan Ezequiel Mosquera, Álvaro Pino, José Ángel Vidal, Oscar Pereiro, Isidro Araujo e Gustavo Otero, xunto con moitos outros veteranos do ciclismo- realizarán un circuíto urbano que dará comezo ás 17:30 horas na Alameda e finalizará no Monte Santa Trega.

Plan de arte

O Centro Cultural acolle o “Proxecto táctil”, unha mostra composta por unha ducia de obras artísticas pensadas para ser percibidas mediante o tacto. Os visitantes poderán facer uso dun anteface e das súas mans para coñecer as pezas escultóricas elaboradas por actuais e antigas alumnas da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

A exposición estará aberta ao público ata o próximo 4 de novembro no horario habitual do Centro Cultural, isto é, de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas de luns a venres, e os sábados en horario de mañá.

Salir de la versión móvil