Chega ao Rosal ‘Santoalla’, o crime que conmocionou Galicia e inspirou ‘As bestas’

Publicidad

O cine toma o relevo da axenda cultural no Rosal esta fin de semana e faino cunha proposta na que documental, terror e suspense se mesturan para ofrecer unha nova forma de contar este tipo de historias. Este sábado 25 de febreiro, a Asociación Ghorghalado organiza en colaboración co Concello a proxección de ‘Santoalla’, un thriller de terror rural que narra os feitos do crime real que conmocionou a Galicia no ano 2010 e que inspirou á galardoada película de Rodrigo Sorogoyen ‘As bestas’.

O centro cultural de Tabagón acollerá a partir das 18:30 horas a historia de Martin Verfondern e Margo Pool, unha parella de holandeses que deciden abandonar a abarrotada e estresante cidade para retirarse no recóndito pobo de Santoalla despois de percorrer Europa. Teñen un sono en común: poder vivir do que lles ofreza a natureza. Porén, unha vez que chegan a este remoto pobo ourensán a convivencia coa única familia que queda na aldea fará que desemboque nun misterioso conflito e na desaparición e morte de Martin. A entrada será de balde.

Esta actividade forma parte da ampla axenda cultural programada para encher O Rosal de actividades e lecer durante os meses de febreiro e marzo. Unha programación cunha morea de propostas de balde para todos os públicos “coa que seguir dinamizando a cultura no noso municipio, levándoa tamén aos nosos barrios e apostando por unha ampla variedade coa que chegar a toda a veciñanza”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Salir de la versión móvil