Achégase un dos eventos gastronómicos de referencia da nosa área, a festa do cabrito ao espeto da parroquia porriñesa de Chenlo. O vindeiro domingo, 5 de agosto, a Entidade Local Menor acollerá un evento que este ano quere celebrar o seu décimo aniversario “ao grande”.
Como ven sendo habitual cada primeiro domingo de agosto, o campo de fútbol en Chan da Carreira será o epicentro da festa, que quere repetir o éxito das edicións anteriores. En concreto, dende a organización esperan contar cunha afluencia de 2.000 persoas, segundo explicaron durante o acto de presentación que se celebrou na Casa Cultural de Chenlo.
A festa dará comezo a partir das 11:00 horas coa degustación de pinchos e a actuación dun grupo de gaitas, mentres comezan a asarse os cabritos para a comida popular que terá lugar á 13:30 horas. A ola de calor non será escusa para non pasar un bo día, xa que a organización instalará un tobogán acuático mentres os asistentes esperan a sentarse á mesa. Actuará tamén o grupo Os Cabritos de Chenlo.
Aínda que estamos ante un evento gastronómico, a festa tamén contará co humorista Víctor Fábrega, "Tucho", elixido este ano como pregoeiro. A tarde estará amenizada polo grupo 3.COM, momento no que tamén se celebrarán diferentes sorteos.
Prezos
Os prezos das racións non variarán con respecto aos anos pasados, sendo de 20 euros por cada ración de cabrito, 12 euros por ración de churrasco, 3 euros o pincho, 180 un cabrito enteiro e 90 euros medio cabrito. Todas as racións inclúen empanada, patacas, bebida, pan, café e rosca.
Ao acto de presentación asistiron o presidente da Asociación Festa do Cabrito ao Espeto, Jacobo Alonso, o alcalde pedáneo da entidade, M. Alejandro Lorenzo, a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, o Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e os membros da organización da festa.
Na súa intervención, Alejandro Lorenzo aproveitou para invitar a todo o mundo a achegarse este domingo a compartir esta festa "que xa é patrimonio cultural de todos os veciños e veciñas de Chenlo”. Segundo apuntou Lorenzo, está previsto que se asen uns 100 cabritos, ademais de 200 quilos de churrasco.
Por outra banda, incluída na programación deste ano, o sábado 4 de agosto celebrarase a "I Quedada de Motor Birras Baixas". Será a partir das 16:00 horas no campo de fútbol Chan da Carreira. Dende a organización invitan a todo aquel que “queira pasalo ben” e teña un vehículo de rodas -clásico, racing, moto.... tamén se aceptan tractores e chimpíns, todo vale- a que se acheguen ao Chan da Carreira a participar. Haberá chouripán, sorteos e premios.