Ano novo, teatro novo. O García Barbón de Vigo xa está preparado para acoller unha nova tempada de teatro. O programa para este primeiro semestre de 2020 permitirá gozar da peza “Curva España”, de Chévere, que se poderá o xoves 16 de xaneiro ás 20:30 horas.
A obra da compañía Chévere, “Curva España”, trata sobre un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias. A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, artéllase unha peza que ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo, bebe do xénero policial e funciona como unha alegoría da construción do estado nación español coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou. Porque a esta zona afastada España apenas chegou en forma de mito, e o mito fala da súa morte nunha curva.
As entradas xa están dispoñibles na web de Ataquilla por un prezo que vai dende os 6,30 euros. “Curva España” tamén representarase un día despois, o 17 de xaneiro, na Sede Afundación Pontevedra. A obra xa se puido gozar fai unhas semanas en Gondomar.