“Chola, a It Girl” chega este sábado ao Auditorio de Goián, en Tomiño. Este show en formato televisivo con moito humor, moita música e moitas sorpresas que xa conquistou a públicos de diferentes lugares como Tui ou Vigo poderase ver este 9 de novembro ás 22:00 horas no espazo cultural tomiñés.
O espectáculo que protagoniza Laura Villaverde ten todo. Haberá proxeccións de videomapping, desafíos en vivo, consellos automobilísticos e toda unha garantía de gargalladas aseguradas. A modernidade “urbanita” levada ao mundo enxebre. Esa mestura é unha das razóns do éxito deste show que xa leva dous anos xirando por diferentes espazos da xeografía galega.
O espectáculo xira arredor de Chola, unha mecánica cunha canle de Youtube contratada por un teatro para realizar o seu primeiro tutorial en directo no que revelará en dez sinxelos pasos como converterse nunha verdadeira “ir girl” rectificada, convertendo o rural e o auténtico en tendencia. Será un show no que poderemos degustar o bo humor, a tradición e a identidade galega.
As entradas terán un prezo de 3 euros e poderán comprarse na billeteira do Auditorio de Goián unha hora antes da función.