Cinema galego, monicreques e teatro para reactivar a cultura en Tui

Publicidad

A próxima semana volve a programación ao Teatro Municipal de Tui con seis espectáculos que terán lugar entre o 4 e os 24 de marzo. O Concello de Tui retoma así a súa actividade cultural nunha aposta pola cultura segura cun estrito protocolo antiCovid, e un aforo limitado ao 25%. A presentación tivo lugar este venres a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, xunto a Elisa Alfaya e Ian Hamilton de 2 Mind Combined, e Laura Villaverde de Artesa Cía.

A oferta cultural regresa despois de catro meses de peche perimetral ao municipio. Unha vez superada esa situación, o concello retoma a programación de teatro para, según explicou o rexedor tudense, Enrique Cabaleiro, "plasmar a implicación que este concello ten coa cultura”. Cabaleiro tamén agradeceu o esforzo realizado dende o departamento de Cultura para en momentos complicados “sacar adiante a programación cultural e poder plasmala con todas as dificultades e con todas as limitacións que temos que superar”. Esta aposta pola cultura estaba xa prevista para o inicio do mes de febreiro pero tivo que adiarse debido ás medidas restritivas en vigor. Neste tempo barallaron distintas alternativas para poder manter así os espectáculos programados nos que a capacidade do teatro estará limitada ao 25% do aforo, é dicir 148 butacas. Por vez primeira a venda de entradas realizarse exclusivamente de xeito online.

Maxia, teatro e cinema centran esta programación

 

A programación cultural contará coa estrea de "Illas Desertas", obra de Artesa Cía dirixida e protagonizada por Laura Villaverde e Roi Fernández. Os protagonistas desta historia convidan o público a través dos seus móbiles para subirse abordo da súa expedición a unha illa deserta. Esta viaxe fraccionada en etapas convértese nun acto poético nunha experiencia, nunha bela aventura contemporánea no que se mostra outro camiño, outra alternativa á competitividade e produtividade da sociedade actual atafegada polo éxito, as metas e a posesión de bens. Artesa  Cía embarcará ao  espectadoor nesta aventura, con interrogantes, incerteza, entusiasmo e paixón. Sen esquecer o poético, íntimo e contemporáneo que existe nos seus traballos e continúa na busqueda de novas linguaxes escénicas; esta vez, para penetrarse na utilidade do  inútil. Será a encargada de pechar a programación en dobre función o 23 e 24 de marzo.

Antes, no apartado para público adulto chegará "O Premio", unha comedia interpretada por Victoria Teijeiro Álvarez, Raquel Espada e Xurxo Cortázar na que o público será quen decida o final entre os tres posibles. Nesta comedia cóntase a situación que viviremos nun futuro próximo, momento no que o progreso tecnolóxico e a loita cara ao éxito económico, sentimental e social fosen tal que se viron obrigadas a caer en "O Premio" como única fórmula de alcanzar a felicidade. Este reality teatral chegará o martes 5 de marzo.

Para a rapazada e o público familiar a primeira cita será o xoves, 4 de marzo, ás 18:30 horas, con Elisa Alfaya e Ian Hamilton de "2 Mind Combined" que achegarán un espectáculo de maxia e ilusionismo para todos os públicos. O xoves, 11 de marzo, ás 18:30 horas o público familiar a partir dos dous anos, é o destinario da obra de monicreques “O lobo e a lúa” que achega Baobab Teatro, mentres que o cinema infantil terá o seu espazo o xoves, 18 de marzo, ás 18.30 h con “A Galiña Turuleca”.

Por útimo, no apartado do cinema para adultos proxectarase "A illa das mentiras" o venres 12 de marzo. O filme de Paula Cons está protagonizada por Nerea Barros, Dario Grandinetti, Aitor Luna, Victoria Teijeiro, Ana Oca e Milo Taboada. Está inspirada en feitos reais, concretamente no afundimento do buque “Santa Isabel” fronte ás costas da illa de Sálvora (A Coruña) en 1921.

A entradas para cada espectáculo poranse á venda o luns da semana da función e poderán mercarse so en liña en tui.gal até o propio día do evento unha hora antes do comezo. O aforo estará limitado a 148 butacas, agás para “Illas desertas” que será de 50 persoas.

https://www.youtube.com/watch?v=K4gQoDIS5ww&feature=emb_title

Salir de la versión móvil