Colmeiro e o seu simbolismo no devir de Galicia, na Pinacoteca FFR de Vigo

Publicidad

A Pinacoteca Francisco Fernández del Riego acolle até o 30 de setembro “A nova colección de Colmeiro”. A exposición eríxese en pleno corazón de Vigo como unha mostra de toda unha vida na que percorrer da man das obras do pintor de Silleda parte da historia do noso país.

A mostra permite desfrutar de 21 óleos e 145 obras en papel nas que podemos ser partícipes de todas as etapas do autor no seu percorrido entre España e Arxentina, onde viviría entre os 9 e os 25 anos e a onde tería que exiliarse posteriormente co estalido da Guerra Civil e a posterior ditadura.

A súa renovación dos conceptos da vangarda galega, a iconografía do mundo rural e a antropoloxía galega, e especialmente as paisaxes e a temática social que recolle a súa obra, cun foco centrado no simbolismo, están presentes na exposición da Pinacoteca. Coas obras, tamén o impacto da Guerra Civil e o seu dramatismo xunto co seu exilio a Arxentina e posteriormente a Francia.

Unha ampla exposición, “de referencia ineludible” segundo o Concello de Vigo, na que tamén están presentes a gran variedade de técnicas de Colmeiro dende o óleo á tinta pasando polos bosquexos en lapis.

A mostra de Manuel Colmeiro (1901-1999) pode visitarse na Pinacoteca Fernández del Riego de Vigo (rúa Abelaira Menéndez) de martes a venres (18:00 a 21:00 horas), os sábados (12:00 a 14:00 e 18:00 a 21:00 horas) e os domingos e festivos (12:00 a 14:00 horas). A entrada é gratuíta.

Salir de la versión móvil