Como chegar ao Festival de Cans en autobús: olvídate do coche

Publicidad

Xa ás portas da fin de semana a parroquia porriñesa de Cans prepárase para a chegada de milleiros de persoas que esperan desfrutar do agroglamour máis enxebre. Cunha fin de semana na que parece que o tempo acompañará, inestable pero maioritariamente sen chuvias segundo informa Meteogalicia, a gran dúbida é como achegarse até a zona.

Xa que o coche queda totalmente descartado ao estar cortada a circulación ao acceso da propia parroquia onde se celebra o festival, o máis aconsellable é achegarse dende o centro de Porriño en taxi ou autobús.

O Festival de Cans conta cun servizo de autobús moi económico que ademais aforra desgustos durante a noite e malas ideas.

Cal é o percorrido do autobús a Cans?

A liña de autobús que o festival pon a dispor dos que se acheguen ten catro paradas. O Porriño (centro), Hotel Internacional (Pavillón de deportes), Restaurante Guanabara e Rotonda de Cans.

Cal é o horario do autobús ao Festival de Cans?

O venres, 25 de maio, os autobuses realizarán o seu percorrido circular de 18:00 a 04:00 horas. Pola súa parte, o sábado, 26 de maio, o horario ampliarase á mañá, sendo de 9:30 a 04:00 horas.

Cal é a frecuencia dos autobuses?

O servizo de bus pasará cada 15-20 minutos.

Cal é o prezo?

O custe da viaxe, de ida e volta, é de 1€.


Pode interesarche: Cinco concertos que non podes perder no Festival de Cans


Programación de Cans 2018

Dende o mércores, 23 de maio, e até o sábado, día 26, o Festival de Cans converterá á parroquia porriñesa no epicentro cultural de Galicia. Proxeccións, obradoiros, charlas, concertos, roteiros… unha morea de actividades que enchen a programación dende primeira hora da mañá e até a última da noite.

Nesta 15ª edición, o Festival de Cans continúa coa súa aposta por atender a todos os públicos, e faino reforzando e ampliando MiniCans, a súa programación infantil. O entorno do Parque do Río e espazos emblemáticos do festival como o Cuberto de Antonio, o Baixo de Carlos ou o Cuberto de Pato acollerán o venres 25 e o sábado 26 toda unha serie de actividades pensadas para que as desfruten as familias e, en particular, as nenas e nenos de máis de 3 anos.

Ademais, entre as charlas de referencia, os espectadores poderán desfrutar da presenza de Fernando Trueba e Gracia Querejeta. O gañador do Óscar en 1993 con “Belle Époque” visitará os Coloquios de Leira o sábado ás 12:00 horas. Pola súa parte, a directora de películas como “Siete mesas de billar francés” estará ás 17:00 horas na mesma Leira de Alicia.

Salir de la versión móvil