O Concello de Ponteareas pechou onte mércoes a inscrición para o Concurso de Gaitas de Ponteareas cun total de dezaseis grupos chegados de toda Galicia máis un grupo de Madrid. O certame, que terá lugar o vindeiro día 23 de setembro ás 17:00 horas no Auditorio Municipal, arranca con novidades como a presentación da revista ou a colaboración da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. Deste xeito, o Concurso de Gaitas do País de Ponteareas confírmase, unha vez máis, como referente da música tradicional víndose celebrando dende hai cincuenta anos.
Este ano a Fundación Centro Galego de Artesanía e do Deseño bríndase a colaborar co Concello facendo entrega de premios aos gañadores pola repercusión e importancia do Concurso no panorama da música tradicional e polo seu apoio na promoción da cultura galega. Esta colaboración tradúcese no incremento dos premios do Concurso de Gaitas de Ponteareas: dos gaitas realizadas polo obradoiro Seivane de Cambre, A Coruña, ao segundo premio; dos gaitas do obradoiro Lis Latas de Lugo ao terceiro e ao cuarto premio dúas gaitas do obradoiro Jesús Represas de Ponteareas.
Unha ruada polo centro urbano dos 16 grupos participantes servirá como presentación á veciñanza para dar lugar, posteriormente, ao Concurso de Gaitas de Ponteareas.
Ademais, a Deputación de Pontevedra inaugurará o día 16 de setembro no Auditorio Municipal de Ponteareas a exposición "A Gaita na Música Tradicional" que se poderá visitar ata o día 23 de setembro. A mostra contará con dous paneis con material inédito sobre o Concurso de Gaitas do País de Ponteareas.