Coñece todo o que podes gozar no festival de O Son do Pazo

Publicidad

O Festival Intercéltico O Son do Pazo chega este ano á súa cuarta edición cun cartel de luxo. Este venres 31 de agosto arranca a programación a partir das 22:30 horas coa música dos anfitrións, a Banda Airiños do Castelo, no escenario instalado a carón do Pazo de Mos.

A actuación da banda local servirá de aperitivo para o espectáculo de Leilía, unha formación que despois de vinte anos de traxectoria segue levando polos escenarios de toda Galicia unha das propostas máis interesantes da música de raíz actual. Tras elas, o trío H2Folk protagonizará un fin de festa por todo o alto para a primeira noite do evento.

O sábado haberá festa sen descanso ao longo de todo o día. A partir das 12:00 horas, os dintintos grupos de baile do concello de Mos xuntaranse no recinto do festival para protagonizar unha nova edición do festival BailaMos e xusto despois, A Vacaloura Vermella encargarase de poñer a música nunha sesión vermú moi animada.

Pola tarde, a partir das 16:30 horas, As Maimiñas ofrecerán un espectáculo dirixido especialmente ao público infantil e ás 19:30 horas a contorna do Pazo acollerá un obradoiro de baile galego. O encargado de dirixir esta clase maxistral, aberta a todos os públicos, será Xisco Feijóo, que recibirá ademais o Premio Mestre Machiño 2018. O bailarín e divulgador da cultura tradicional toma o relevo de Xaime Estévez, que recibiu o ano pasado o galardón que leva o nome do antigo mestre de baile do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, co que se quere recoñecer ás persoas que traballaron para divulgar e manter viva a música e a cultura tradicional galega.

O sábado pola noite, trala actuación da Treboada Baixo Miño, chegará un dos momentos máis especiais do festival coa actuación de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, un dos espectáculos máis aclamados da escena folk galega actual. Tras eles, BackWest fará historia ao converterse na primeira banda irlandesa que leva a súa música ao escenario do Son do Pazo, consolidando deste xeito o carácter internacional do festival. E os encargados de pechar a festa serán Andoa, que levarán ao festival os ritmos das tradicións musicais de Irlanda, Escocia e Galicia.

Salir de la versión móvil