Caixas-niños para paxaros, ‘hoteis para insectos’, artesanías sobre o mundo animal ou xincanas con temática de Pascua son algunhas das actividades que os máis cativos da familia poderá realizar entre os días tres e dez de abril en Redondela.
O Concello de Redondela, a través das concellerías de Medio Ambiente e a de Igualdade, dirixidas por Alberto Álvarez e Iria Vilaboa, respectivamente, desenvolve durante a Semana Santa actividades enfocadas aos nenos e nenas do municipio ampliando así o programa de conciliación durante estes días festivos.
“A iniciativa busca o dobre obxectivo de, por unha banda, concienciar aos cativos a partir dos 4 anos sobre a importancia do medio ambiente, centrándonos nas aves e os insectos como na pasada edición, para o equilibrio medioambiental e, por outra, permitir a conciliación laboral das familias durante as vacacións de Semana Santa”, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.
As actividades desenvólvense o 3,4,5,10 de abril de 2023 en horario de 9:30 horas a 13:30 horas no Multiúsos do Piñeiral do Crego en Chapela e no Multiúsos da Xunqueira. As mesmas actividades levaranse a cabo nas dúas instalacións pero en distintos días, que se poden consultar na páxina web ou no Facebook do Concello de Redondela. A inscrición, través dos rexistros municipais, está aberta para nenos e nenas entre catro e doce anos ata completar aforo, cun límite de 25 prazas por actividade. “A maiores, a cativada que participe instalará, na contorna da Alameda Castelao de Redondela e Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela, as caixas-niños e os hoteis de insectos construídas para participar de forma activa no ecosistema do municipio e involucrase máis no que lles rodea”, engade Rivas.
Con estas iniciativa en marcha, e cos distintos obradoiros e campamentos que se fan todo o ano, non entende á alcaldesa Digna Rivas as críticas do Partido Popular local sobre a falta de actividades que permitan a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños. “Unha vez máis, e xa non é novidade, o PP recorre a terxiversación da realidade coa clara intención de desgastar ao Goberno”, afirma Digna Rivas quen asegura que “fronte a iso, o Goberno socialista ofrece feitos concretos e datos irrefutables sobre a potenciación das actividades de conciliación”.
A alcaldesa comenta dirixíndose aos populares redondeláns “que fronte ao mes de campamento de conciliación que ofrecían os Gobernos conservadores, o Goberno socialista realiza campamentos gratuítos durante os meses de xullo e agosto, incrementando polo tanto o orzamento destinado á conciliación, algo que eles non foron quen de facer”.
De feito o Concello de Redondela oferta, durante o verán, campamentos de conciliación, totalmente gratuítos, durante os meses xullo e agosto, e cun sistema de inscrición quincenal que permite a participación de maior número de nenos e nenas. De igual xeito, no Nadal o Goberno socialista optou pola ampliación dos campamentos de conciliación “que cobren a totalidade das vacacións escolares, e non só unha parte das mesmas como viña sendo habitual cos anteriores gobernos do PP”.