O hip hop e o punk feito en Galicia chegan este venres a Ponteareas para revolucionar o parque da Feira Vella nunha xornada dedicada á cultura urbana. No "música rebelde", que arrancará ás 22:00 horas do venres, participarán por primeira vez xuntos tres grupos locais de rap e punk. Trátase de Skandalo GZ, SondaRúa e Rebeliom Do Inframundo.
Tras pasar por festivais de toda España e Portugal chegan á Feira Vella as letras crudas e realistas destes grupos nacidos en Ponteareas. O concerto arrancará con SonDaRúa, creado por Hugo Guezeta e Álex Arnoso en 2016, caracterízase polo seu ton combativo con letras en galego nas que analizan diferentes temas da actualidade e da política.
A continuación tomaralle o relevo Skandalo GZ, unha banda de ska e punk que conta xa con tres discos e case 10 anos de experiencia sementando o seu particular estilo por toda Galicia.
Por último, o rap máis hardcore pechará unha noite de hip hop Rebeliom do Inframundo, co seu ton anticapitalista e crítico coa sociedade moderna fará chegar a “rebelión” á Feira Vella.